20.000 leguas baixo dos mares, o clásico de aventuras de Jules Verne con parada na baía de Vigo, foi o título escollido para inaugurar a colección de Lectura Fácil da editorial Galaxia. Cunha adaptación realizada pola Asociación Juan XXIII, que xa leva desenvolvida unha intensa actividade arredor dos clubes de lectura fácil, a creación desta nova colección ten como obxectivo incentivar a lectura en galego entre o público con dificultades lectoras transitorias ou permanentes. A Lectura Fácil diríxese a todos aqueles que teñan problemas para ler, ben porque o galego non é a súa primeira lingua, porque tivo unha alfabetización tardía ou unha escolarización deficiente; e tamén a persoas con trastornos da aprendizaxe ou diversidade funcional.
Deste xeito, esta nova colección facilita o dereito das persoas ao acceso á información e á cultura en galego independentemente da súa situación, e como ferramenta de empoderamento para aquelas que teñen algún tipo de diversidade funcional, tal é o caso das usuarias e usuarios da Asociación Juan XXIII de Pontevedra, unha asociación sen ánimo de lucro dedicada á formación e promoción integral das persoas con disCapacidade intelectual,. Por iso, ninguén mellor ca eles para levar a cabo esta adaptación que foi coordinada polo pedagogo Diego Chapela, validada polo Club de Lectura da Asociación, e que conta con ilustracións dun dos usuarios, Miguel Rocha.