Print this page

Francisco Carballo Carballo, Bo e Xeneroso

Rate this item
(2 votes)

O pasado sábado 10 de decembro o Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), decidiu nomear Bo e Xeneroso a Francisco Carballo Carballo, historiador e mestre de historiadores, promotor de empresas editoras en galego.

Ao longo de máis de corenta anos Francisco Carballo participou coa súa escrita e co seu activismo en dotar de contidos vertebradores á realidade social e cultural de Galicia, o que o converte nunha figura referencial para a cultura e a sociedade galega no seu conxunto.

Francisco Carballo súmase así á lista dos Bos e Xenerosos da AELG, conformada por Avelino Pousa Antelo, Museo do Pobo Galego, Ponte nas ondas, Isaac Díaz Pardo, Asociación Socio-Pedagóxica Galega, Mariví Villaverde, Concellos organizadores do Premio Blanco Amor e Francisco Fernández del Riego.

A AELG recoñece todos os anos a un “Bo e Xeneroso”, reflectido na figura dun escritor ou colectivo que, pola súa dilatada actividade de intervención social, contribuíse á difusión pública da cultura galega. Con esta homenaxe destácase, sobre todo, un compromiso ético coa cultura de Galicia.

Nacido en Celeiro de Asadur (Maceda-Ourense) o 8 de marzo de 1925, no ano 1941 marchou a Madrid para ingresar como novicio nos Paúis. Estudou Teoloxía e Historia (licenciado en 1954) en Madrid. Foi director do colexio San Narciso de Marín (1954-1958) e noutro de Barakaldo (1958-1965). Foi profesor da Igrexa no teologado San Vicente de Paúl en Salamanca, e o seu reitor (1965-1971), e no Instituto Teolóxico Gaudium et Spes (1965-1973). En 1973 trasladouse Vigo como profesor da Escola Universitaria de Maxisterio. Francisco Carballo foi un dos fundadores do semanario A Nosa Terra en 1977 e un colaborador constante. En 1981 foi condenado a seis meses e un día de prisión menor e a 20.000 pesetas de multa por calumnias á policía no libro Historia de Galicia. Ten colaboracións en A Trabe de Ouro e Encrucillada.