Co gallo do 20 aniversario do escritor, xornalista e editor Fran Alonso no mundo da escrita pública, sairán para todos os seus lectores tres libros totalmente de balde en formato .pdf e .epub.
O primeiro deles ten por título Contesta ou disparo. Publicado baixo licenza Creative Commons e acceso libre, Contesta ou disparo é un libro que contén 34 entrevistas breves, rápidas e de aire frívolo, feitas por Fran Alonso en 1991, desde o Diario 16 de Galicia, a 34 persoas da cultura e da política galega, como Isaac Díaz Pardo, Justo Beramendi, Chano Piñeiro, Manuel Forcadela, Miguelanxo Prado, Carlos Casares, Os Diplomáticos de Monte Alto, etc.