Print this page

Finou Xaime Isla Couto

Rate this item
(0 votes)

Onte finou en Vigo o ensaísta, avogado, economista, animador cultural e político do galeguismo Xaime Isla Couto, o último supervivente da Xeración Galaxia. De feito, foi un dos cofundadores da editorial viguesa e actualmente era o seu Presidente de Honra.

Isla Couto naceu en Santiago de Compostela o 23 de outubro de 1915 aínda que de moi novo a familia se trasladou a Vigo. Militou dende rapaz no galeguismo político, primeiro nas Irmandades da Fala, no Grupo Autonomista de Vigo, e despois na Federación de Mocidades Galeguistas durante a Segunda República. Colaborou co Seminario de Estudos Galegos, sendo o seu primeiro bolseiro na sección de estudos económicos.

Tras a Guerra Civil participou dende a fundación como impulsor e dinamizador da Editorial Galaxia. Tamén estivo na constitución da editorial SEPT onde se favorecía a galeguización do pensamento católico. Dirixiu a Revista de Economía de Galicia e a Revista Galega de Estudios Agrarios.

Participou na constitución da Fundación Penzol e da Fundaciòn Otero Pedrayo, foi fundador do Partido Popular Galego en xullo de 1976 e da Fundación Isla Couto, que impulsou xunto coa súa dona Cristina Novoa e os seus irmáns Manuel e Celso en homenaxe ao seu irmán Ramiro. Ingresou na Real Academia Galega en 1999.

Recibiu diferentes recoñecementos como a medalla Castelao, o premio Trasalba ou o nomeamento de Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo.