Xa se coñecen os finalistas das tres categorías do XVII Premio 'Arcebispo Juan de San Clemente' que convoca anualmente o IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela.
En literatura galega os tres finalistas son Futuro imperfecto (Galaxia) de Xulia Alonso, Cabalo de ouros (Galaxia) de Víctor F. Freixanes e Denso recendo a salgado (Xerais) de Manuel Portas.
En castelán os finalistas son Viaje con Clara a Alemania (Tusquets) de Fernando Aramburu; Riña de gatos (Planeta) de Eduardo Mendoza; e Blanco nocturno (Anagrama) de Ricardo Piglia.
Na categoría de novela estranxeira os finalistas desta edición son La última noche en Twisted River (Tusquets) de John Irving; Brooklin (Lumen) de Colm Tóibín; e Correr (Alfaguara) de Jean Echenoz.
Este premio ten a particularidade de que son os propios alumnos de secundaria os que len e escollen as obras gañadoras do galardón. Participan como xurado un instituto por cada unha das provincias galegas máis o Rosalía de Castro de Santiago, como centro organizador. O premio para cada unha das diferentes categorías está dotado con 3.000 euros e os fallos daranse a coñecer na primeira quincena de maio.