Print this page

Finalistas dos mellores libros do pasado ano elixidos pola AELG

Rate this item
(0 votes)

Os socios e socias da AELG xa escolleron os finalistas aos premios á mellor obra publicada no 2010 nas modalidades de ensaio, poesía, narrativa, tradución, teatro, blog literario, literatura infanto-xuvenil e traxectoria xornalística. Nestes dous últimos casos tamén participan na elección os asociados de Gálix e os membros do Colexio de Xornalistas respectivamente.

As obras gañadoras daranse a coñecer na Cea das Letras, un dos actos máis importantes na vida da Asociación de Escritores en Lingua Galega, que terá lugar o vindeiro 30 de abril no hotel Porta do Camiño de Santiago de Compostela.

Da conxunción de votos emitidos nunha primeira quenda resultaron finalistas:

Blog Literario: Ferradura en tránsito (http://xmeyre.blogaliza.org/) , de Xosé Manuel Eyré; O levantador de minas (http://olevantadordeminas.blogaliza.org/), de Alfredo Ferreiro; e Trafegando ronseis (http://trafegandoronseis.blogspot.com/), de Gracia Santorum e Xosé Anxo Fernández Alonso.

Ensaio: A man que caligrafando pensa: do plástico-escritural e da manuscrita novoneyriana (UDC) de Carlos Paulo Martínez Pereiro; Elucidacións na sombra. Análise e interpretación de dúas pezas de Carvalho Calero (Laiovento) de Manuel Castelao e O clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo (Sotelo Blanco) de María Pilar García Negro.

Literatura Infanto-xuvenil (AELG-Gálix): Contos para nenos que dormen deseguida (Kalandraka) de Pinto & Chinto, O pintor do sombreiro de malvas (Xerais) de Marcos Calveiro; O segredo de Marco Polo (Galaxia) de Francisco Castro; e Suso Espada. "Nota Roja" (Everest-Galicia) de Francisco X. Fernández Naval.

Mellor traxectoria en xornalismo cultural 2010 (AELG-Colexio de Xornalistas): Anxo Tarrío, Daniel Salgado, Fran P. Lorenzo, Iago Martínez e Ramón Nicolás.

Narrativa: O coitelo en novembro (Xerais) de Marilar Aleixandre, Obediencia (Galaxia) de Antón Lopo, Periferia (Xerais) de Iolanda Zúñiga, Settecento (Xerais) de Marcos Calveiro, Todo é silencio (Xerais) de Manuel Rivas, e Xuvia-Neda (Xerais) de Vicente Araguas.

Poesía: Bater de sombras (Espiral Maior) de Francisco X. Fernández Naval, Estremas (Galaxia) de Ana Romaní e Retro(visor) (Xerais) de Antía Otero.

Teatro: Canibalismo (Estaleiro) de Marcos Abalde Covelo, Cínicas (UDC) de Teresa Moure e Flores de Dunsinane (Xerais) de Manuel Lourenzo.

Tradución: Bilbao-New York-Bilbao (Xerais) de Kirmen Uribe na versión de Isaac Xubín, Lóbrego Romance. Pálida Pantasma. As Lendas Espectrais de Malvadia (El Patito) de Jack Mircala, por Isabel Soto; e Randea do alento (Xerais) da Nóbel Herta Müller e tradución de Marga do Val.

Na segunda fase, xa en andamento, os asociados decidirán as obras gañadoras.

Alén destas categorías, os Premios AELG constan doutros dous galardóns outorgados pola Asemblea de Socios e Socias da Asociación: o premio para a Institución que se caracterizase pola súa contribución á divulgación da literatura galega, que este ano será para a Fundación Penzol; e mais o Premio AELG 2011 “Escritor Galego Universal”, outorgado pola Asemblea ao escritor Antonio Gamoneda, galardón que o distingue como autor que combina a excelencia literaria co compromiso ético que o converte en referente na defensa da dignidade humana.