Onte faleceu en Beariz o escritor, ensaísta e político Bautista Álvarez á idade de 84 anos.
Álvarez naceu no ano 1933 en Loucia, parroquia de Las (San Amaro). Dende moi novo uniuse á loita en defensa de Galicia e contra a ditadura franquista e foi un dos principais impulsores da reorganización do nacionalismo galego nos anos 60 que deu lugar á fundación da Unión do Povo Galego en 1964, entidade que presidiu desde 1977 até 2008. Participou activamente no traballo clandestino, pasou en diversas ocasións polos cárceres franquistas.
Bautista Álvarez subordinou a súa inicial vocación literaria á actividade política. A principios da década dos 60 foi estudar a Madrid, onde fixo amizade entre outros con Xosé Luís Méndez Ferrín e Xosé Fernández Ferreiro, fundadores do grupo Brais Pinto.
A produción escrita de Bautista Álvarez está en galego, aínda que tamén haxa colaboracións en castelán, solicitadas por publicacións españolas: Signo, Cuadernos para el diálogo ou Primer acto (nesta publicou un pequeno ensaio sobre Os vellos non deben de namorarse de Castelao). En 2013 publicou en Xerais o libro de relatos Retallos daquela infancia. A novela Cuarto minguante (Xerais, 2015) é a súa segunda obra de ficción. Na Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas publicou tres volumes de Obras escollidas, onde se recolle unha boa parte da súa produción xornalistíca, ensaística e literaria. De grande interese é o opúsculo Bautista Álvarez, 40 anos da UPG, 40 perguntas, onde Bautista conversa con María Pilar García Negro.