Print this page

Ferrol inaugura o ano Carvalho Calero coa mostra "Imaxe de cen anos"

Rate this item
(0 votes)

O Concello de Ferrol abriu oficialmente o ano Ricardo Carvalo Calero, a quen a Real Academia Galega dedica neste 2020 o Día das Letras Galegas, coa inauguración da exposición Imaxe de cen anos, na sala Felipe Bello Piñeiro do Centro Cultural Torrente Ballester.

A mostra contará con máis de 30 primeiras edicións do autor, varios dos seus obxectos da súa vida persoal e académica. Completa a mostra unha proxección audiovisual que inclúe entrevistas ao homenaxeado.

Ángel Mato, alcalde de Ferrol, agradeceu a súa familia a colaboración “para poder celebrar una exposición digna como a súa figura merece”. Ademais, Mato anunciou que se “convocará unha mesa para que todas as entidades interesadas na súa figura podan participar na súa homenaxe”. O alcalde ferrolán cualificou de “acto de xustiza” que, despois de anos de espera, se lle concedera a Ricardo Carvalho Calero “o maior recoñecemento que se lle pode facer a un escritor galego”. O rexedor sostivo, lembrando a traxectoria de Carvalho, que “abrir debates intelectuais non debe endexamais ser motivo de guerras ideolóxicas, senón un símbolo da madurez dunha sociedade” e que o escritor “padeceu a inxustiza por defender as súas ideas coa palabra, o cal soe significar defender a liberdade, a propia dun e a de todos os demáis”. 

O presidente da Academia Galega, Víctor F. Freixanes, subliñou a relevancia de Ricardo Carvalho Calero na historia do galeguismo do século XX e salientou o gran valor da súa Historia da literatura galega contemporánea, "unha da sobras máis xigantescas que se poden facer". 

A exposición poderá visitarse ata o 31 de maio.