Print this page

Ferrol acolle a primeira Feira do libro do ano

Rate this item
(0 votes)

A escritora e xornalista de Valdoviño Rosa Aneiros foi a encargada de inaugurar a 22ª edición da Festa da Lectura, do Libro e da Palabra que se celebrará no Cantón de Molíns, no Teatro Jofre e na sede da Fundación Novocaixagalicia ata o 10 de abril. Aneiros tomará o relevo de Vicente Araguas, Suso de Toro ou Manuel Rivas, quen nas edicións de 2010, 2009 e 2008 leran o pregón desta cita literaria que inclúe desde concertos didácticos, presentación e sinaturas de libros ou sesións de contacontos a un maratón de lectura que terá a Castelao como eixo temático, exposicións, charlas-coloquios, conversas con escritores, contacontos, espectáculos teatrais ou xogos populares. A estas propostas súmanse actividades dirixidas a centros de ensino, entidades e público en xeral.

Ao longo de cinco xornadas a cidade de Ferrol ofrecerá unha completa programación de accións cun único obxectivo: fomentar o hábito da lectura e introducilo xa como unha rutina no día a día da cidadanía. As actividades arrancaron ás 10.00 h. no Teatro Jofre coa sesión teatral Lela anda en bicicleta, baseada no conto Lolo anda en bicicleta de Carlos Casares, dirixido a alumnado de 1º, 2º e 3º de Educación Primaria. Correu a cargo da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, que ás 12.00 h. ofreceu unha segunda sesión -todas as prazas están xa cubertas-.

O acto inagural desta Festa da Lectura, do Libro e da Palabra tivo lugar ás 19.30 h. na Praza da Constitución e nel interviron o alcalde de Ferrol, Vicente Irisarri, e a concelleira de Cultura, Mercedes Carbajales, ademais da pregoeira: Rosa Aneiros, e o Real Coro Toxos e Froles. Desde o mércores e ata o domingo serán múltiples e variadas as propostas das que poderán desfrutar os cidadáns e cidadás. Entre estas, e como é habitual nesta cita, a presentación e sinatura de libros por parte de recoñecidos autores galegos, como Xoa (Xerais) de Antonio Yáñez, Asasinato no Consello Nacional (Xerais) de Diego Ameixeiras, Abrapalabra (Galaxia) de Carlos Coira e Antón Cortizas ou Madeira de Mulher (Castro), de Adela Figueroa, ou Hamelín (23 Escalones), de Ángel L. Sucasas.

A celebración dun maratón de lectura na sede da Fundación Caixanovagalicia que terá a Castelao como eixo será outras das actividades previstas dirixido ao público en xeral e aos centros de ensino en particular. Terá lugar hoxe xoves entre as 10.00 h. e as 14.00 h. Na carpa instalada no Cantón de Molíns poderase tamén visitar a exposición Juan Farias. Un mar de palabras e de imaxes sobre o escritor e ferrolán universal, así como a mostra fotográfica Os cines na comarca de Ferrolterra. Celebraranse tamén sesións de contacontos con maxia e unha actuación musical do alumnado e profesorado do Conservatorio Xan Viaño de Ferrol.

No marco da Festa da Lectura, do Libro e da Palabra, a cidadanía poderá visitar os once expositores -sete librarías, dúas editoriais e dous stands institucionais- da XXII Feira do Libro de Ferrol, que abrirá as súas portas a diario de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.30. Nunha ocasión máis, realizaranse descontos do 10% na compra de libros e ao peche de cada xornada celebrarase o tradicional sorteo.