Print this page

Fernando Epelde e Rafa Vilar, gañadores dos I Premios SELIC de creación literaria

Rate this item
(0 votes)

Fernando Epelde García e Rafa Vilar son os gañadores dos I Premios SELIC de creación literaria nas categorías de teatro e poesía, polas súas obras Realness e A cidade e a chuvia, respectivamente. Así o acordou o xurado dos galardóns, que decidiu deixar deserto o premio na categoría de narrativa.

Este premio organízao por vez primeira o concello de Santiago de Compostela, coa finalidade de incrementar a presenza de Santiago na literatura escrita en galego, posto que un dos requisitos das bases é que as obras presentadas teñan a Compostela como marco de acción ou referencia fundamental.

Na categoría de textos teatrais, o I Premio SELIC foi para a obra Realness, presentada por Fernando Epelde García baixo o lema "Polari". Do texto, o xurado destacou que "é unha obra que crea unha atmosfera rica, atractiva e suxestiva; e cunha escrita limpa e puída que permite unha lectura áxil que narra o enfrontamento entre a lei e a liberdade". Salienta tamén que o texto "presenta unha frescura e unha actualidade chea de conversas disparatadas e interesantes, con personaxes que se expresan con naturalidade e formula interrogantes sobre a identidade sexual das persoas".

Na categoría de poesía, o I Premio SELIC foi para a obra A cidade e a chuvia, presentada baixo o lema "Enheduanna" por Rafa Vilar. O xurado destaca do texto que "evoca a alma interior e a identidade de Santiago nun traballo sensitivo, delicado e cheo de matices". A obra "describe a necesidade da chuvia cunha elegante composición de versos moi medidos, que precisan dunha lectura lenta, e que reflicten á perfección o paso das estacións, a mutabilidade da vida na cidade". Segundo o xurado, Rafa Vilar converte cada poema "nunha declaración de amor a Compostela, cidade soñada, imaxinada, onírica".

O xurado que seleccionou as obras gañadoras do I Premios SELIC de creación literaria estivo integrado por Paula Carballeira, Antón Lopo, Montse Dopico, Xavier Lama e Lupe Gómez. 

Ademais da cantidade económica establecida nas bases do premio, as obras gañadoras serán publicadas na colección SELIC que edita o Concello de Santiago.