Print this page

Fernando Díaz-Castroverde gaña o Narrativa Breve Repsol

Rate this item
(0 votes)

O escritor lucense Fernando Díaz-Castroverde é o novo gañador do Premio de Narrativa Breve Repsol, pola súa obra Microbios e outros paquidermos.

 

A Editorial Galaxia, a Real Academia Galega, a Asociación de Escritores en Lingua Galega e a Secretaría Xeral de Política Lingüística colaboran coa Fundación Repsol na convocatoria do Premio de Narrativa Breve Repsol, que vén de celebrar a súa quinta edición. O xurado, composto por Dolores Vilavedra, Darío Xohán Cabana, Carlos Lema, Xabier López e Fina Casalderrey, definiu a obra gañadora deste ano como “un libro harmonioso, relacionado cos aforismos” e destacou “o uso da contundencia do breve, utilizando a retranca, o absurdo, a transgresión e a crítica mordaz”. Tamén destacou da obra os microrelatos intelixentes que levan á reflexión, xa que conseguen un ritmo áxil que convida o lector a pensar”.

 

Fernando Díaz-Castroverde Gómez exerce como profesor de lingua e literatura galegas no IES María Casares de Oleiros. O seu traballo literario valeulle, entre outros, os premios de poesía Concello de Carral, Concello de Culleredo, e Meigas e Trasgos. Publicou o libro de poesía Camiño de píntegas (Espiral Maior) e participa en distintas publicacións literarias, como A Trabe de Ouro e Cadernos de Pedagoxía, ademais de antoloxías colectivas.

 

Na primeira edición do Premio de Narrativa Breve Repsol, en 2006, o xornalista Miguel Sande fíxose co galardón pola súa obra Se algún día esta muller morta. A gañadora da segunda edición foi a obra Así nacen as baleas, da escritora Anxos Sumai. Na terceira edición, en 2008, o narrador, dramaturgo e debuxante humorístico Xosé Luís Martínez Pereiro obtivo o galardón polo traballo A verdade como mal menor. E, na pasada edición 2010 o premio foi para o escritor Xurxo Sierra pola súa obra Os fíos.