Print this page

Fernando Castro Paredes gaña o XIX Premio de Teatro Rafael Dieste

Rate this item
(0 votes)

Coa súa obra Amorodo agre, o escritor e profesor Fernando Castro Paredes converteuse en gañador do XIX Premio Teatro Rafael Dieste da Deputación da Coruña. O autor é profesor no IES Fernando Blanco de Cee, traballa no ámbito do teatro escolar e afeccionado e gañou, entre outros, o Varela Buxán e o Vidal Bolaño de textos teatrais.

Un xurado composto pola actriz Mabel Rivera, a escritora Marga do Val, o profesor, investigador e especialista en Arte Dramática, Carlos Vizcaíno Fernández, a actriz e creadora escénica Marta Pérez e o autor gañador da edición anterior, Ernesto Is, escolleu por unanimidade entre as 46 presentadas a obra Amorodo agre que, aberta a plica, resultou ser da autoría de Fernando Castro Paredes.

A xurado destaca a "elaborada construción dramática, concretada en varios aspectos que van desde un arranque impactante que consegue manter a emoción e o interese ao longo de toda a peza". O fallo do premio valora tamén a "traballada definición dos personaxes, as atmosferas e o xogo simultáneo de diálogos que fan que a acción avance con tensión dramática até o remate". Á hora de escoller a obra poñen en valor tamén a calidade da lingua empregada e o tratamento de temáticas complexas.

En anteriores edicións, o premio recaeu en Ernesto Is, Roberto Salgueiro, Xosé Pacho e Ze Paredes, Alberto Guede, Santiago Cortegoso, Teresa Moure, Gustavo Pernas Ainma Antonio, Manuel Lorenzo, Miguel Sande, Roberto Vidal Bolaño, Manuel Lourenzo, Xavier Lama, Xesús Pisón, Raúl Dans, e Xesús Pisón.

Fernando Castro Paredes é natural de Tapia de Casariego (Asturias). Licenciado en Filoloxía Hispánica e Filoloxía Clásica pola Universidade de Santiago de Compostela, na actualidade exerce como profesor de ensino secundario no IES Fernando Blanco de Cee. Traballa no eido do teatro escolar e afeccionado, sendo un dos coordinadores da agrupación escolar Tuéjele Teatro e membro do Grupo Farándula Velutina, cos que desenvolve actividades por toda a xeografía galega. O pasado ano gañou coa obra A derradeira bala I Certame de textos teatrais Roberto Vidal Bolaño 2018.