Print this page

Feliz Idade e Anarquistas galegos en América, entre os galardoados nos Premios da Crítica de Galicia

Rate this item
(0 votes)

Este pasado sábado, no decurso dunha rolda de prensa na sala de conferencias do centro social Afundación de Vigo, deuse a coñecer o ditame da XLIIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia nas súas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais e Científicas, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Cine e Artes Audiovisuais e Cultura Gastronómica.

Baixo o lema «A Nosa Fala. Na súa acea a moerse está o pan do porvir» de Ricardo Carvalho Calero, a pesar da imposibilidade de celebrar o acto coas súas características habituais, a asociación Premios da Crítica de Galicia mantivo a tradición de anunciar en outono uns premios, que ven outorgando dende 1978, coa intención de recoñecer a excelencia e a relevancia dos labores individuais e colectivos máis destacados nos diversos ámbitos da creación cultural e da investigación en Galicia durante o ano 2019.

Dende comezos do mes de outubro, as 56 persoas compoñentes dos oito xurados, que se unen ao mais do milleiro de participantes ao longo de máis de catro décadas, traballaron e ditaminaron de forma virtual sobre as propostas presentadas libremente por editoras, produtoras e outras entidades culturais.

Na parte máis literaria destes premios atopamos o que foi o grande éxito literario deste ano, o poemario Feliz Idade (Kalandraka) de Olga Novo, e o ensaio Anarquistas galegos en América (Galaxia) de Bieito Alonso, nas modalidades de Creación Literaria e na categoría de Investigación, respectivamente.

O xurado da XLIII edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Creación Literaria, formado por Moncha Fuentes, escritora e gañadora da edición anterior; Luís González Tosar, escritor e presidente do Centro Pen de Galicia; Ánxela Lema París, crítica e compoñente da Sega; Montserrat Pena Presas, crítica e profesora da USC; Olivia Rodríguez, crítica e profesora da UDC; Vicente Rodríguez Justo, director da Biblioteca Pública Municipal de Verín e Mª Dolores Cabrera Iglesias, secretaría, en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas as obras, por orde alfabética, Atlas (Galaxia) de Alba Cid, Feliz Idade de Olga Novo, Memoria do silencio (Xerais) de Eva Mejuto e O último barco (Galaxia) de Domingo Villar. Tras as derradeiras deliberacións virtuais, acordou outorgar por unanimidade o premio a Feliz Idade de Olga Novo. O xurado salientou na obra gañadora a forza lírica coa que converte as vivencias persoais nun feito poético universal, enraizado no máis fondo da nosa propia identidade cultural. É un canto á vida no que conflúen pasado, presente e futuro. Ao tempo que o eu lírico expresa a súa felicidade polo nacer da filla, compón  unha elexía polo pai falecido. Destacan a potencia da lingua poética e a escolla das referencias culturais. Unha estrutura, en sete partes ben definidas, axuda a avanzar na gozosa lectura.

Pola súa banda, o xurado da XLIII edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Investigación, formado por Fernando Aguado Agelet, gañador da edición anterior, profesor da UDV; Marilar Aleixandre, catedrática da USC, membro da RAG; Anxo Carracedo, catedrático da USC; Antón Costa Rico, catedrático da USC; Carmen García Mateo, catedrática da UDV; Joana Magalhães, investigadora no INBIC, Instituto de Investigacións Biomédicas da Coruña e Blanca Roig Rechou, secretaría, en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Anarquistas galegos en América, de Bieito Alonso; Unha historia da música en Galicia. 1952-2018 (Galaxia) de Fernando Fernández Rego; Variación e cambio nos dominios galego e portugués no século XX. https://ilg.usc.es/gl/proxectos/VARCAM_GP , dirixido por Xulio Sousa Fernández e Castelao. Construtor da Nación. Tomo I. 1886-1930 (Galaxia) de Miguel Anxo Seixas. Tras as derradeiras deliberacións virtuais, acordou outorgar por maioría o premio á obra Anarquistas galegos en América de Bieito Alonso.

O xurado salientou nesta obra: a investigación rigorosa, propia e sintética coa que se profundiza e anova, con lucidez historiográfica, a historia do anarquismo en América; a visión transnacional e inclusiva da loita pola xustiza social desde perspectivas ideolóxicas e organizativas do anarquismo; o entrelazado do tema da emigración a través de historias conectadas de homes e mulleres desde diversos puntos de América e Galicia e a súa presentación accesible para un amplo público lector.

O resto de gañadores foron: GCiencia.Portal da Ciencia Galega, premio de Iniciativas Culturais e Científicas; Margarita Viso, premio de Música; Alfonso Costa, premio de Artes Plásticas; Os Monicreques de Kukas, premio de Artes Escénicas; O que arde de Oliver Laxe, premio de Cine e Artes Audiovisuais; e a Festa do marisco do Grove, premio de Cultura Gastronómica.

Esta XLIIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia estivo patrocinada polo Concello de Vigo, A Xunta de Galicia e a Deputación provincial de Pontevedra, sendo entidades colaboradoras Afundación e Sargadelos.