Print this page

Falece o escritor Xosé Luís Franco Grande aos 84 anos de idade

Rate this item
(0 votes)
Falece o escritor Xosé Luís Franco Grande aos 84 anos de idade Foto: Galaxia

O escritor tomiñés Xosé Luís Franco Grande finou na mañá de hoxe aos 84 anos de idade.

Escritor galeguista crucial na historia do noso país dende a súa mocidade, Franco Grande cultivou a literatura dende moi novo e tamén foi o autor de obras de referencia na divulgación do léxico galego. Como poeta formou parte da chamada xeración das Festas Minervais cunha voz de grande orixinalidade, aínda que a súa estrea como autor foi con Vieiro choído, a obra de teatro que inaugurou en 1957 a colección Illa Nova da Editorial Galaxia.

A infancia e primeira xuventude de Franco Grande transcorreron en Tebra, onde os seus pais eran mestres de primeiro ensino. Estudou o bacharelato en Vigo e Filosofía e Letras e Dereito en Compostela, onde entrará en contacto cos galeguistas a través de Ramón Lugrís. Home moi vinculado a Galaxia, loitou con firmeza pola dignidade nacional de Galicia.

A obra literaria de Franco Grande abrangue todos os campos. Velaí está a literatura dramática de Vento choído, a poesía de Entre o si e o non (Galaxia) ou Xoguetes do tempo (Galaxia), por exemplo. Como crítico e ensaísta, publicou Os anos escuros, I. A resistencia cultural da xeración da noite (1954-60) (Xerais), testemuño dos seus anos de estudante universitario en Santiago de Compostela; ou A ilusión da esperanza. De Cabanillas a Baixeras (Cumio), un tributo a trinta e oito amigos que ampliou hai apenas quince días coa publicación de A ilusión da esperanza. De Cabanillas a Xulio Ríos (Galaxia); fíxose tamén cargo da edición da Obra completa de Leiras Pulpeiro (Galaxia).

O seu Diccionario galego-castelán, que Galaxia publica no ano 1968, lévanse vendidos máis de medio millón de exemplares.

Franco Grande era tamén membro da Real Academia Galega, na que ingresou en 1978 a proposta de Ramón Piñeiro, Marino Dónega e Domingo García-Sabell.