Print this page

Falece o escritor Isidro Novo aos 66 anos

Rate this item
(0 votes)
Isidro Novo Isidro Novo Foto: Distrito Xermar

Na mañá de onte faleceu o escritor lugués Isidro Novo, con tan só 66 anos.

Narrador e poeta, Novo iniciouse na literatura coa publicación da obra infantil Taza de brétema (SM), obra finalista do premio O Barco de Vapor. Seguiulle a publicación de novelas, ensaio, libros de relatos, traducións... pero sobre todo Isidro Novo era poeta. Velaí están os seus poemarios Dende unha nada núa  (Premio Eusebio Lorenzo Baleirón 1996), Esteiro de noites falecidas (Premio Concello de Carral 2006) ou o seu último traballo CO2, publicado o pasado ano por edicións Positivas.

Entre os moitos aspectos que perdurarán de Isidro Novo está o seu amor polas palabras esquecidas, esas que están a piques de perderse na memoria. Neste sentido, Isidro Novo foi membro fundador da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG e partícipe en todas as iniciativas que desenvolveu (Xornadas de Literatura de Tradición Oral, Polafías, Obradoiros de Narración Oral, Letra das Festas, Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria), alén de coordinador do portal “Palabras con Memoria” da web da AELG.

O seu último libro foi O tabú na traselenda, publicado por Urco editora o pasado ano.

Os restos mortais de Isidro Novo están no Tanatorio de Velatorios Lucenses As Arieiras de Lugo. A incineración terá lugar esta tarde ás19.300 h. Estase organizando un acto de despedida previo en forma de recital, que terá lugar no propio tanatorio sobre as 18:30.

 

Non puiden
non
e maila que no seu ir e vir non laiase
traía sombras de queixume o seu son

(A mar ferida, Isidro Novo)