Print this page

Falece a poeta Luz Pozo Garza aos 97 anos

Rate this item
(0 votes)
Luz Pozo Garza Luz Pozo Garza Foto: AELG

Hoxe deixounos a gran dama da poesía galega. Luz Pozo Garza finaba aos 97 anos deixando tras dela un ronsel de sete décadas de poesía e de escrita. Académica da Real Academia Galega, a súa é unha das voces esenciais das letras galegas da segunda metade do século XX, renovadora tanto na forma como na temática abordada. O amor e a sensualidade foron dúas constantes na súa obra, caracterizada por un fondo lirismo e o diálogo intertextual íntimo coa tradición poética galega e universal. 

Luz Pozo naceu en Ribadeo en 1922 e foi catedrática de Ensino Medio, membro numerario da Real Academia Galega e directora da revista Nordés. Pertenceu á chamada Promoción de Enlace, a situada entre a xeración do 36 e a da primeira posguerra. O primeiro escenario vital da autora, que tanto marcaría tamén a súa literatura, foi o da Mariña de Lugo, entre Ribadeo, a vila onde naceu, e Viveiro, onde viviu entre 1929 e 1936 e que a acolleu de novo en 1940. 

Aínda que empezou publicando en castelán, no ano 1952 publica o seu primeiro poemario en galego, O paxaro na boca (Xistral), ao que seguirían obras como Códice calixtino (Sotelo Blanco), Prometo a flor de loto (Deputación da Coruña), Vida secreta de Rosalía (Espiral Maior), As arpas de Iwerddon (Linteo), Deter o día cunha flor (Baía) ou o seu recente Pazo de Tor (Alvarellos), publicado o pasado ano.

Como ensaísta deu ao prelo A bordo de Barco sin luces, Galicia ferida (A visión de Luís Seoane) (Sotelo Blanco), Álvaro Cunqueiro e 'Herba de aquí e acolá' (Galaxia) ou Tres poetas medievais da ría de Vigo (Galaxia), ademais de varios artigos en Nordés e Grial.

A sua traxectoria foi merecedora dos máis grandes recoñecementos, velaí están, por exemplo, o remio Celanova Casa dos Poetas no 2001, Premio Cultura Galega das Letras no 2013, o Premio Laxeiro un ano despois ou o Premio Trasalba da Fundación Otero Pedrayo en 2019.

No 2001 foi nomeada socia de honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega (letra E).

Foi declarada filla adoptiva de Viveiro e filla predilecta de Ribadeo.