Print this page

Expertos ofrecerán relatorios sobre música, lingua ou onomástica co Pergamiño Vindel de fondo

Rate this item
(0 votes)

Aproveitando a exposición que estes meses acolle o Museo do Mar de Vigo centrada no Pergamiño Vindel, o Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo organiza o ciclo de conferencias Os xoves do Vindel, unha iniciativa coordinada pola catedrática emérita Camiño Noia e na que participan os docentes e investigadores Bieito Arias, Xosé-Henrique Costas e Alexandre Rodríguez.

O programa componse de seis relatorios e desenvolverase no edificio Cambón do Casco Vello de Vigo. Empezou onte cun relatorio titulado Aproximación á configuración urbana de Vigo na época do Pergamiño Vindel a cargo do docente e investigador da UNED Anselmo López Carreira, e proseguirá o xoves 2 de novembro o docente de Ensino Medio Xosé Xabier Ron Fernández, quen  falará sobre Martin Codax: o nome. A onomástica da lírica trobadoresca. Os relatorios continuarán o 16 de novembro coa intervención de Ceferino de Blas, cronista oficial da cidade de Vigo, que ofrecerá un relatorio titulado Prensa, sociedad gallega y Martin Codax. ¿Cómo divulgaron los periódicos la figura del trovador y sus cantigas? e o 14 de decembro o musicólogo Paulo Gonçalves falará de A música dos trobadores. A actividade regresará o 25 e xaneiro con As cantigas de amigo no taboleiro da lírica medieval europea a cargo da docente da Universidade de Santiago Pilar Lorenzo Gradín e finalizarán o 8 de febreiro co tamén docente da USC Ramón Mariño Paz que falará sobre Literatura en galego e mecenado na Idade Media.

A entrada é libre ata completar a capacidade do auditorio do edificio Cambón. Quen asista regularmente a este ciclo, en cuxa organización participan ademais da Universidade de Vigo, a Deputación de Pontevedra e o goberno de Galicia, que cede o espazo, recibirá un certificado acreditativo, para que previamente deberá inscribirse no enderezo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.