Print this page

Eva Mejuto gaña o XI Certame de Relatos de Mulleres Matilde Bares

Rate this item
(0 votes)
Eva Mejuto Eva Mejuto Foto: Arquivo AELG-Distrito Xermar

Eva Mejuto resultou gañadora do XI Certame de Relatos de Muller Matilde Bares coa obra titulada Matilde. O xurado, conformado por Álex Alonso, Pepa Mosteiro e Jorge García Marín, decidiron elixir este relato de entre os sete presentados. Del destacaron que “está escrito cunha gran sensibilidade e que enxalza a través da súa protagonista a vida e obra de Matilde Bares ao tempo que describe unha viaxe pola vila de Bueu e a súa realidade nos anos trinta”. Así mesmo, describen que “constitúe unha historia que contén unha grande carga emocional, do renacer cada día da desolación e alcanzar a esperanza”.

A autora pontevedresa farase, ademais da dotación económica estipulada nas bases do premio, coa publicación do libro. Este certame ten como obxectivos fomentar a igualdade entre homes e mulleres, a corresponsabilidade nas obrigas familiares e sociais e o debate arredor da violencia de xénero.

O premio rende unha homenaxe a Matilde Bares, mestra de labor recoñecida que se esmerou na preparación de ata tres xeracións na vila morracense, ademais de organizar actividades culturais e grupos de teatro. Nos seus inicios, este concurso erixiuse como unha referencia no sector literario, e ten premiado a persoas destacables no campo da cultura e a novas voces.

Eva Mejuto conta cunha ampla traxectoria no ámbito editorial, tanto por ter formato parte de proxectos editoriais como na publicación de historias para público infantil e xuvenil, caso de 22 segundos (Xerais), onde aborda o tema da transexualidade, ou Memoria do silencio (Xerais), sobre a historia das irmás Touza de Ribadavia, entre outras moitas.