Print this page

Estíbaliz Espinosa, gañadora do XV Premio de Poesía Afundación

Rate this item
(0 votes)

Estíbaliz Espinosa ven de gañar a XV edición do Premio de Poesía Afundación coa obra As neuronas irmás. A resolución do xurado, composto polas escritoras Berta Dávila e María Neves Soutelo; Mario Regueira, escritor; Xabier Castro Martínez, escritor e secretario do xurado; e Luís González Tosar, presidente do Centro PEN de Galicia e presidente do xurado, tivo lugar a pasada tarde do 21 de novembro na Sede Afundación Santiago de Compostela.

As neuronas irmás, presentada pola súa autora baixo o lema Curiosa,  foi seleccionada entre os 29 orixinais inéditos que se presentaron á décimo quinta edición do certame e destaca segundo o xurado «pola coherencia dun discurso poético sólido, a potencia evocadora das imaxes, así coma a orixinalidade das referencias que apelan á dimensión científica do ser humano biolóxico e emocional.

Xunto coa dotación económica establecida nas bases do concurso, o galardón implica a publicación da obra gañadora na colección Arte de Trobar. Foi no ano 2002, a instancias do Centro PEN de Galicia e de Afundación, cando o premio botou a andar premio. No seu elenco de gañadores figuran poetas como Xavier Seoane, María do Cebreiro, Román Raña, Arcadio López Casanova, Marilar Aleixandre, Carlos Penelas, Luís Vale Regueiro, Emma Pedreira, Xavier Rodríguez Baixeras, X. Daniel Costas, Yolanda Castaño, Elías Portela, Miguel Anxo Fernán Vello ou Olalla Cociña, gañadora da anterior convocatoria.