Print this page

Estevo Creus gaña o XXX Premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón

Rate this item
(0 votes)
Estevo Creus Estevo Creus Foto: Ollo de Vidro - AELG

O pasado sábado 2 de decembro tivo lugar o fallo do XXX Premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón.

Previa ofrenda floral no cemiterio de Laíño, onde repousan os restos do poeta dodrés, o xurado reuniuse na Casa da Cultura de Dodro para intercambiar impresións e decidirse pola obra O lugar que non hai, de Estevo Creus, dada a "brillantez de certas imaxes do libro a carón dunha indagación nos territorios do eu, da outredade e da permanente dúbida do ser humano", tal e como reza na acta.

Nesta nova edición, o xurado estivo composto pola escritora Miriam Ferradáns Ferradás, o poeta Xosé Daniel Costas Currás, a escritora e catedrática da USC Blanca Ana Roig Rechou, e o crítico literario Ramón Nicolás; o coordinador do premio volveu ser Xabier Castro Martínez.

Estevo Creus, nado en Cee no ano 1971, ten unha longa traxectoria como escritor e poeta. Autor de títulos como Poemas da cidade oculta, Areados, Decrua ou O libro dos cans, é a segunda ocasión na que se fai co premio Eusebio Lorenzo Baleirón, despois de conseguilo hai case vinte anos coa obra Teoría do lugar, no 1998.

A entrega do premio será o vindeiro sábado 16 de decembro ás 17.30 h. no CPI Eusebio Lorenzo Baleirón, onde tamén se presentará a obra Se pedra na brétema, de Ramón Blanco, gañador da pasada edición.