Print this page

Este xoves comeza o Encontro Internacional De Verne a Vigo

Rate this item
(0 votes)

Vigo celebra os 150 anos da entrada do Nautilus na ría e os 140 anos da primeira visita de Verne a cidade. Para conmemoralo, o concello vigués programa actividades culturais e divulgativas entre o 15 e o 17 de febreiro.

A cita verniana abrirase o xoves 15 de febreiro coa conferencia inaugural a cargo do maior experto mundial en Jules Verne, o italiano Piero Gondolo della Riva, no Auditorio Municipal do Concello ás 20.00 h.

O venres 16 comezará cunha ruta verniana desde a fortaleza de O Castro (á que Verne ascendía cada mañá nas súas dúas visitas á cidade). Desde alí, os participantes seguirán o rastro do Nautilus e coñecerán a Batalla de Rande, tal e como o capitán Nemo contouna ao profesor Aronnax na novela.

A programación continuará o mesmo venres cun amplo programa de conferencias no Auditorio da Praza do Rei, coa participación da directora do Museo Jules Verne de Nantes, Agnès Marcetteau, a premiada escritora Ledicia Costas, a educadora francesa Daisy Houlès e diversos expertos como os membros da Sociedade Hispánica Jules Verne Nicolás Moragues, Jesús Navarro, Pasqual Bernat e Eduardo Rolland.

A xornada do sábado comezará cunha ofrenda floral ante o monumento a Jules Verne nos xardíns de As Avenidas. Seguidamente, ás 12.00 h., os participantes embarcarán no 'Nautilus', un barco oceanográfico dotado cun robot submarino, chamado 'Nemo', no que farán o percorrido do submarino de 20.000 leguas e contemplarán nas pantallas o mesmo paisaxe baixa o mar que asombrou aos mergulladores do Nautilus aquel 18 de febreiro de 1868.

Pola tarde do sábado, e durante a mañá e a tarde do domingo, haberá novas saídas do buque 'Nautilus' desde o peirao do Náutico, para facer o mesmo percorrido que o submarino do capitán Nemo. Estas rutas están abertas ao público en xeral, previa reserva e compra de tickets en www.oceansecrets.es 

Os participantes no Encontro Internacional De Verne a Vigo 2018 son algúns dos máis destacados estudosos da figura de Jules Verne no mundo, con especial mención ao italiano Piero Gondolo della Riva, que ditará a conferencia inaugural, aberta como o resto de charlas ao público en xeral no Auditorio Municipal da Praza do Rei, ata completar o aforo.

 

Por outra banda, o goberno local cooperará con empresas editoriais viguesas na divulgación da obra de Jules Verne con actividades de lectura os próximos 16 e 18 de febreiro, na zona portuaria das Avenidas, á altura da escultura conmemorativa do autor. Logo dun encontro con representantes de Xerais, Galaxia, Ir Indo e Lobito Bueno, un grupo de estudantes de diferentes colexios de Vigo lerán partes do capítulo que trata de Vigo dentro da novela 20.000 leguas de viaxe submarina. O día 18 será a quenda de 40 persoas vencelladas ao mundo da cultura as que darán voz a eses textos do autor francés. Esta iniciativa virá sumarse á gran mobilización "verniana" que arrancará este mes en Vigo co obxectivo de enfatizar o contido máis cultural e a parte da obra de Verne relacionada con Vigo.

Máis información: