Print this page

Esta semana iníciase o expediente de declaración como BIC da biblioteca de Pardo Bazán

Rate this item
(0 votes)
Esta semana iníciase o expediente de declaración como BIC da biblioteca de Pardo Bazán Foto: Xunta

O conselleiro de Cultura do goberno de Galicia, Román Rodríguez, e o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor F. Freixanes, xunto ao  secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. e a académica Marilar Aleixandre, presentaron o pasado sábado na sede da RAG o expediente de incoación do procedemento para declarar como Ben de Interese Cultural (BIC) a biblioteca de Emilia Pardo Bazán, o que suporá a protección inmediata un total de 10.855 volumes, dos cales 7.883 están localizados na sede da RAG, entidade responsable da custodia do patrimonio da autora, e 2.972 continúan no interior das Torres de Meirás.

A este número poderían sumarse, segundo a documentación achegada pola RAG na súa solicitude, outros volumes que actualmente poderían estar en localizacións descoñecidas. Cun carácter preventivo, a fin de que calquera outro exemplar de biblioteca quede protexido no futuro, o expediente ten este aspecto en conta. Dese xeito, se nalgún momento aparecese un libro non identificado e se constatara a súa pertenza, estaría automaticamente protexido.

Román Rodríguez explicou que o expediente que inicia o procedemento de declaración da biblioteca, que será publicado no Diario Oficial de Galicia esta semana, tamén recolle que todos os libros pertencentes a esta biblioteca posúen un cuño de cor vermella cumprimentado a man coa situación topográfica dos libros encargado polo primoxénito da escritora que permite reconstruír a colocación dos volumes nas diferentes estancias do edificio. Este cuño corresponde a un ficheiro alfabético organizado por autores e almacenado na biblioteca da planta baixa das Torres de Meirás, o que pode ser a pegada máis definida da biblioteca completa.

A incoación do expediente supón tanto a aplicación inmediata, provisional ata a súa aprobación definitiva nun prazo máximo de dous anos seguindo a lexislación, do réxime de protección previsto na Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia como o que se establece na Lei 16/1985 do Patrimonio Histórico Español en materia de exportación e espolio. Supón, por iso, a máxima protección e tutela, polo que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección.

Ademais, a apertura do procedemento implicará a súa anotación de forma preventiva no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e que se lle comunique ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural de Galicia da Administración do Estado. A incoación supón tamén a obriga de garantir o acceso á colección por parte da cidadanía.

A maior parte da biblioteca de Emilia Pardo Bazán son primeiras edicións, moitos deles manuscritos dedicados polos seus autores a esta protagonista da vida intelectual da súa época e tamén existen publicacións que conteñen subliñados e anotacións nas marxes, coa letra da autora, o que os converte en únicos. Entre as obras, hai tesouros como o libro de Saavedra Fajardo Empresas Políticas (1648) ou primeiras edicións de Voltaire do século XVIII, ás que alude a autora na súa obra Los pazos de Ulloa e dos que probablemente o seu primeiro dono fora o seu avó Miguel Pardo Bazán.

Así mesmo, a documentación elaborada tamén recolle que a excepción dalgúns volumes localizados no domicilio familiar da Coruña, a totalidade dos exemplares que compoñen a biblioteca de Emilia Pardo Bazán estaban situados nas Torres de Meirás ata o incendio producido en 1978 e que afectou a moitos dos volumes, nalgúns casos mesmo con carácter crítico e irreparable.