Print this page

Erosións, de Rafa Vilar, gaña o X premio VictorianoTaibo de poesía

Rate this item
(0 votes)
Rafa Vilar Rafa Vilar Foto: AELG

O xurado do certame poético VictorianoTaibo que convoca o Concello de Gondomar en colaboración co Instituto de Estudos Miñoráns, resolveu que o gañador desta X edición era o libro Erosións que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría do poeta Rafa Vilar.

O xurado valorou nesta obra a súa unidade dentro do dobre plano de lectura que se percibe no propio título do libro. Un libro que combina a paixón e a intimidade cunha exquisita sinxeleza e intensidade lírica, froito dun coidadoso traballo de construción poética en que desaparecen as concrecións de xénero para converter os poemas na expresión total do amor. Mais o amor non pode desprenderse da realidade e, mentres o eu poético constata a erosión do paso do tempo e as feridas da vida, convida a persoa amada a crear un horizonte “a salvo de naufraxios”, a través de cen poemas breves que empregan as palabras imprescindíbeis para construír imaxes intensamente poéticas.

O xurado do certame estivo composto por Iria Misa, Gonzalo Navaza, Xulián Maure, Marta Dacosta e Xosé Iglesias, gañador da pasada edición.

Rafa Vilar é un destacado poeta da denominada promoción dos 90. A súa primeira obra: Liques da memoria, recibiu no ano 92 o premio Fermín Bouza Brey para autores novos. Recibiu tamén, entre outros, o Premio Curuxa de Humor Literario, o Premio Cómaros Verdes do concello de Vilagarcía de Arousa, o Premio de poesía Concello de Carral, o Eusebio Lorenzo Baleirón, o Premio de poesía Cidade de Ourense ou o Premio Arume de poesía para nenos/as por Patente de corso que, xunto con Memoria de Ahab, Migracións, e Animalario estrafalario, son os seus últimos títulos publicados.

É licenciado en Filoloxía galego-portuguesa, escritor comprometido e moi activo socialmente, foi voceiro da plataforma Nunca Máis e parte da directiva da Asociación de Escritores en Lingua Galega, membro do Batallón Literario da Costa da Morte e un dos fundadores e impulsores da editora Letras de Cal.

A entrega do premio será o día 18 de novembro nun acto que decorrerá no Auditorio Lois Tobío de Gondomar.