Print this page

Engaiolarte e a Deputación da Coruña recuperan o ensaio sobre San Andrés de Teixido de Xohana Torres

Rate this item
(0 votes)

En 1972 a escritora Xohana Torres gañou o Premio de Etnografía Federico Maciñeira da Deputación da Coruña coa obra Teixido. Santo Andrés de Lonxe. Mitos e ritos. Inexplicablemente, nunca chegou a se converter en libro ata que, case cincuenta anos despois, a Deputación da Coruña e a editorial Engaiolarte fan realidade un dos soños da escritora que revisou a edición até o último momento.

"O libro é unha alfaia e con esta edición queremos facer unha homenaxe e un acto de desagravio por non ter sido publicado no seu momento este volume que recibiu hai corenta e seis anos un premio da Deputación da Coruña", explicou Goretti Sanmartín, responsábel da Área de Cultura da Deputación da Coruña, que destacou a coidada edición de Engaiolarte con fotos de Xulio Xil que fan, ao seu ver, que o volume "sexa unha obra de arte".

Pola súa parte, o editor de Engaiolarte amigo da autora ao longo de 35 anos de vida, Xosé Puga, destacou o entusiasmo dunha Xohana Torres que mantivo o alento literario até os últimos días da súa vida. "Este era o libro que máis ilusión lle facía. Lembraba que o escribira cando non había documentación e cando a unha muller que chegaba a investigar non a tiñan en conta", explicou Puga que precisou que, malia non o ver publicado, a escritora "imaxinou o libro porque eu mesmo llo contei", dixo.

Xohana Torres insistía na defensa de que o de Santo Andrés de Teixido era o "único mito universal galego" e lembrou xornadas de traballo en que a escritora revisou o texto, fixo emendas e mesmo creou un poema para o volume en que relaciona o santo de Cedeira coa Virxe de Chamorro de Ferrol.