Print this page

Empeza a Praza dos Libros de Carballo, unha cita coa literatura, co pan e co atún

Rate this item
(0 votes)

Atún, pan, libros, música e artes plásticas integran o menú da Feira da Creatividade Cultural de Carballo, ou, o que é o mesmo, a Praza dos Libros. E para preparalo contaremos con algunhas das mellores cociñeiras e algúns dos mellores cociñeiros da cultura galega: Manolo Rivas, Pedro Feijoo, Enma Pedreira, Eli Ríos, Pablo Díaz, Anxo Moure, Paco Nogueiras, Miro Villar, Anair Rodríguez, Mamá Cabra, Milladoiro, Sés... Sen esquecer a restauradores da casa coma Xan Fraga, Rosalía Fernández Rial, Héctor Pose, Selina Otero, Beatriz Fraga ou Mercedes Queixas.

A Praza dos Libros de Carballo terá lugar entre os días 5 e 8 de xullo no Xardín Municipal de Carballo. Está organizado polo Concello de Carballo coa colaboración de libreiros/as e da Fundación Luis Calvo Sanz.

Na xornada de hoxe contarase coa artista Sés coma pregoeira, todas as persoas que merquen un libro en calquera das 9 casetas da Feira serán agasalladas cunha lata de atún. En principio están preparadas 250, pero, como sinalou o presidente da Fundación Luis Calvo Sanz, Luciano Calvo, “oxalá que se vendan bastantes máis, que por falta de atún non vai ser”. Os libreiros e as libreiras agradeceron a colaboración da fundación e a iniciativa do Concello de Carballo, e expresaron, por boca de Ramón Tasende, o seu desexo de que esta madrugadora feira medre do mesmo xeito que a participación do sector.

De 11.00 h. a 14.00 h. e de 18.00 h. a 22.00 h. as lectoras e lectores poderán desfrutar dun montón de actividades literarias, musicais e artísticas. Este ano estarán presentes, ademais do tradicional stand de Bibliotecas de Carballo, as librarías Á lus do Candil (Arteixo), Demo (A Coruña), Roget (Vimianzo) e as carballesas Brañas Verdes, Ler, Punto e Coma, Phottic, Teldy e Trasgo.

A todo isto sumarase, o xoves 5 e o domingo 8, a feira tradicional e unha campaña de promoción de dous dos produtos máis destacados de Carballo: o atún e o pan. Tamén haberá un 10% de desconto en todos os libros e centos de premios en tarxetas rasca. 

Máis información: