Print this page

Emma Pedreira, Carlos Negro e Héctor Cajaraville, premios Xerais 2018

Rate this item
(0 votes)
Emma Pedreira, Carlos Negro e Héctor Cajaraville, premios Xerais 2018 Fonte Xerais

Os tempos mudan, e os premios literarios non son alleos aos cambios. Tras moitos anos sendo a illa de San Simón un referente literario coa cita anual dos premios Xerais no mes de xuño, este ano a editorial viguesa decidiu dar un gran cambio no seu modelo. Deste xeito, este pasado sábado coñecemos o nome dos gañadores nas tres modalidades dos Xerais, agardando ata o mes de outubro para celebrar a festa dos premios, coincidindo coa presentación das obras gañadoras. Estas foron Besta do seu sangue, de Emma Pedreira, no de novela; Aplicación instantánea, de Carlos Negro, no Jules Verne de literatura xuvenil; e Kusuma, de Héctor Cajaraville, no Merlín de literatura infantil.

O xurado da XXXV edición do Premio Xerais de Novela, no que concorreron 37 obras, formado por Santiago Lopo (escritor, gañador da edición anterior), David González Domínguez (editor do blog “Palabras de Gatsby”), Vitoria Ogando Valcárcel (catedrática xubilada), Claudia Morán (xornalista), Patricia Porto (libreira da libraría Lila de Lilith de Santiago) e o profesor, crítico e escritor Ramón Nicolás, que actúa como secretario do xurado, en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou por maioría declarar como gañadora a obra Besta do seu sangue, de Emma Pedreira.

En palabras do xurado, Besta do seu sangue supón unha proposta de carácter transgresor caracterizada pola súa multiplicidade de voces, polo seu esencialismo narrativo e por exhibir diversos rexistros. Ao tempo, salienta o uso dunha linguaxe poética e a transparencia que repousa na transmisión dunha atmosfera de desacougo e angustia ao abordar, con orixinalidade, unha historia inspirada na figura de Blanco Romasanta, co fondo dunha revisión xenérica de figuras da mitoloxía galega.

Na X edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, no que concorreron 22 obras, o xurado formado por Isabel Armesto Rodríguez (comercial-promotora de libros), Diana Fernández Gómez (editora do blog “Bolboretas no bandullo”), Mª Paz Fernández Pereiro (profesora, asesoría Bibliotecas Escolares), Alba González Fernández (estudante de Ciencias da Educación da Universidade de Vigo), María Manuela Ordóñez Fernández (estudante de Ciencias da Educación da Universidade de Vigo)  e a profesora da Facultade de Ciencias da Educación da UVigo e crítica Isabel Mociño González, que actúa como secretaria do xurado, en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar gañadora por maioría a obra Aplicación instantánea, de Carlos Negro.

No seu ditame, o xurado referiuse a esta obra que “ante presenza das pantallas e da tecnoloxía, a sociedade actual precisa máis ca nunca a poesía. Por iso o xurado valora desta obra, entre outros aspectos: a orixinalidade, a calidade literaria, a forza da linguaxe e a súa riqueza, a posta en valor da figura feminina e o seu empoderamento, así como da cultura e lingua galegas. Tamén a crítica social e a visión por veces descarnada da realidade, a procura consciente da complicidade dunha lectora activa na construción dun discurso potente, apelativo e de intervención que non deixa a ninguén indiferente. Unha obra que salienta pola conexión con outras voces literarias, nun rico e estimulante diálogo que leva a novas lecturas. Por último, estamos ante unha obra que rompe calquera visión estereotipada da poesía e a converte nun berro de rebeldía e reafirmación”.

Pola súa banda, o xurado da XXXIII edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, no que concorreron 33 obras, formado por Uxía Martínez Recamán (comercial-promotora de libros), Alba Piñeiro Estévez (profesora e crítica), María Sánchez Lires  (ilustradora), Maribel Tato Sánchez (libreira da libraría Cartabón de Vigo), Antonio Yáñez Casal (escritor) e o crítico e escritor  Miguel Vázquez Freire, que actuou como secretario, en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou por maioría declarar como gañadora a obra Kusuma que, despois de aberta a plica, resultou ser de Héctor Cajaraville.

No seu ditame, o xurado da XXXIII edición do Premio Merlín de Literatura Infantil sinalou que Kusuma é unha fermosa fábula ecoloxista protagonizada por unha faisán asiática obrigada a fuxir da agresividade do mundo industrializado. A fábula critica tamén o rexeitamento das poboacións inmigrantes, reivindica o respecto ás diferenzas e a valoración do traballo en grupo: “Se non nos axudamos entre nós, non somos nada”. Neste sentido, é unha historia de superación, de amizade e de aventuras cunha dupla mensaxe: que os prexuízos son o modo máis inxusto e equivocado de enfrontarnos ao descoñecido e que a coraxe e a afouteza sempre reciben a súa recompensa. Alén destes valores, a obra destaca polo rico léxico descritivo de especies animais e do contorno vexetal.