Print this page

Elvira Riveiro Tobío gaña o VI Certame Illas Sisargas de poesía erótica

Rate this item
(1 Vote)

O pasado sábado día 12, ás 22.30 h. na Casa de Turismo Rural Casa Arpón deuse a coñecer a obra gañadora do VI Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, convocado polo Concello de Malpica e a Asociación Cultural Caldeirón.

A obra gañadora foi carnia haikai, da escritora pontevedresa Elvira Riveiro Tobío.

O xurado estivo formado por Antón Lois Noceda Carballo, Animador Sociocultural do Concello de Malpica e Presidente do xurado do VI Certame de Poesía Erótica “Illas Sisargas”; Francisco Quiroga, Presidente da A.C. Caldeirón, 1º vocal do xurado; e por María Lado, gañadora da edición anterior. Actuou como secretaria do xurado Isabel Fernández Deus. Logo de ver as 16 obras presentadas e despois de deliberar sobre as características de cada unha delas, os tres membros do xurado seleccionan por unanimidade a que leva por título carnia haikai, valorando a estructura orixinal e ben tramada dun libro con moita entidade propia, a concreción na temática de referencia, o sorprendente uso da linguaxe e o tratamento orixinal e suxerente da sensualidade.

A continuación da comunicación do fallo, procedeuse á presentación da publicación da obra gañadora do certame do ano pasado, a obra Amantes da escritora María Lado. O escritor e membro da directiva da A.C. Caldeirón, Paco Souto, deu unha pequena introdución do libro de María Lado quen, a continuación, recitou varios poemas do seu libro.