Print this page

Elixio Rivas dóalle ao Centro Ramón Piñeiro valiosos materiais de lingüística e etnografía

Rate this item
(0 votes)

O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) acolle desde hoxe unha importante parte dos materiais científicos manexados polo profesor Elixio Rivas para a elaboración dos seus traballos de onomástica, etimoloxía e etnolingüística.

O acto de entrega desta importante doazón celebrouse esta mañá na Sala Sarmiento do propio CRPIH, onde Elixio Rivas lles entregou ao secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e ao coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro, Manuel González, uns materiais que inclúen as súas fichas de toponimia dixitalizadas, fotolitos das súas obras e diversas fotografías.

Elixio Rivas Quintas (A Abeleda, Xunqueira de Ambía, 1925) é sacerdote, profesor, etnógrafo e lingüista, disciplina na que se dedicou, fundamentalmente, aos campos da onomástica, a etnolingüística e a etimoloxía.

É o investigador que recolleu o maior volume de léxico referido á cultura material de toda a historia de Galicia. No ámbito da etimoloxía é autor dun Dicionario etimolóxico galego que supón un avance con respecto aos antecedentes de Sigrid Buschmann e de Harry Meier. Polo que se refire á onomástica, é membro da Comisión de Toponimia de Galicia e, ademais da súa tese de doutoramento sobre a toponimia de Marín, ten publicados diversos traballos en que engade a unha importante recolleita de onomástica galega documentación histórica dos topónimos e antropónimos estudados.

Foi distinguido co Premio Otero Pedrayo (1980) e, máis recentemente, coa Medalla Castelao (2000).