Print this page

Eli Ríos gaña o IV Premio de Poesía Gonzalo López Abente

Rate this item
(0 votes)
Eli Ríos Eli Ríos Foto: Eduardo Castro Bal - AELG

O xurado do IV Premio de Poesía Gonzalo López Abente, composto polos poetas Miro Villar, Serxio Iglesias e polo secretario da Fundación Gonzalo López Abente, Suso Sambade Soneira, con función de secretario e membro activo na deliberación do IV Premio de Poesía determina que o premio deste ano 2017 é outorgado por unanimidade ao poemario que leva por título Culpable, presentado baixo o lema Gita Gogóia e que resultou, unha vez aberta a plica, da poeta Eli Ríos.

O xurado salienta que a obra é unha lúcida reflexión metapoética que cuestiona a enunciación do eu lírico, mesmo avogando pola súa anulación, e tamén a propia linguaxe, a través dunha complexa estrutura de verso longo e con pegadas de rupturismo e experimentación contracultural e vangardista. De Culpable o xurado valorou “a proposta poética que é moi arriscada, tanto no aspecto formal como de contido”, estamos ante un poemario que achega “unha deconstrución do verso ao tempo que se ofrece unha hibridación de xéneros, no que a poesía se transmuta en narrativa, dramaturxia ou ensaio lírico”. Para rematar a súa valoración da obra premiada, o xurado considera “atinada a inclusión de elementos de cultura popular contemporánea”.

Asimesmo, o xurado salientou que neste IV Premio de Poesía Gonzalo López Abente houbo unha alta participación, dos cales polo menos media ducia deles eran susceptibles de ser publicados.

Eli Ríos é unha das voces poéticas máis persoais da poesía galega da última década. Gañadora de entre outros certames do XII Premio de Poesía Concello de Carral no 2009 por Nós escoitando o badalo de marienplatz (Espiral Maior); o IV Certame de poesía erótica Illas Sisargas no 2009, por Rúa da Cancela (Caldeirón), con Eduardo Estévez; o I Premio de Poesía Figurante no 2013, por Maria; ou o II Premio Lueiro Rey de poesía no ano 2014, por Anamnese (Sotelo Blanco). Recentemente acadou o premio Torrente Ballester de narrativa por Luns, que publicará nas vindeiras semanas Xerais. Ademais de colaborar en diversas obras colectivas, realiza obradoiros de escrita, contacontos infantís e forma parte da revista dixital de crítica literaria A Sega.

Como gañadora do Premio de Poesía Gonzalo López Abente, Eli Ríos recibirá a cantidade económica establecida nas bases do premio, así como unha peza escultórica conmemorativa. A obra Culpable será publicada na colección de Poesía da editorial Xerais.