Print this page

Domingo Villar gaña o premio Ciudad de Santa Cruz de Novela Criminal coa versión castelá de "O último barco"

Rate this item
(0 votes)

O vigués Domingo Villar recibiu, pola versión castelá da súa obra O último barco (Galaxia), o premio Ciudad de Santa Cruz de Novela Criminal, que entrega Tenerife Noir, no marco do V Festival Atlántico do Xénero Negro. Este galardón recoñece á mellor novela negra publicada en castelán durante o ano previo á celebración deste encontro anual.

O último barco impúxose ás outras tres novelas finalistas: Los miércoles salvajes (Milenio) de Susana Hernández; Sánchez (Anagrama) de Esther García Llovet; e Los señores del humo (ediciones B) de Claudio Cerdán.

Para o xurado, a novela de Domingo Villar destaca pola súa “solidez e penetración psicolóxica dos personaxes, que sosteñen unha trama clara e constante, desenvolvida nun ambiente e unha xeografía que serve de fondo e sostén ao tema principal”. O xurado premiou tamén “a consistencia dunha saga que avanza moi ben co paso do tempo, o coidado e a musicalidade da súa prosa, que permite ao lector regresar a un tempo e un espazo coñecido e morriñento”.

O último barco é a terceira entrega de Domingo Villar sobre o inspector Leo Caldas tras Ollos de auga e A praia dos afogados.