Print this page

Cultura traza as liñas estratéxicas para este 2012 no marco bibliotecario

Rate this item
(1 Vote)
A Consellería de Cultura presentou no Consello da Xunta as liñas estratéxicas do Sistema de Bibliotecas de Galicia para o ano 2012, concretamente na Rede de Bibliotecas Públicas e na Biblioteca de Galicia. As actuacións que se propoñen, no marco dun proceso de planificación e promoción bibliotecaria, teñen como obxectivo avanzar na obtención de servizos bibliotecarios de calidade, adaptados ás actuais necesidades culturais, de información, formación e ocio da cidadanía, así como garantir o dereito dos galegos a accederen en condicións de igualdade á cultura, á lectura e ao coñecemento. As liñas estratéxicas para o sistema bibliotecario galego en 2012 baséanse na calidade, na planificación, na eficiencia e na visibilidade. Como elementos motrices para este ano destacan a aprobación da nova lei de bibliotecas e o desenvolvemento do regulamento do depósito legal. Ademais, está previsto publicar o Censo de Bibliotecas de Galicia e elaborar e difundir o Mapa de Bibliotecas Públicas. Tamén se continuará co investimento en formación do persoal bibliotecario e coa potenciación das coleccións, mediante a actualización e o incremento de fondos. O impulso á realización de actividades de fomento da lectura e de dinamización cultural nas bibliotecas será outra das prioridades para 2012, ano en que tamén se traballará para reforzar o papel da Biblioteca de Galicia como centro de referencia do sistema bibliotecario galego.

Liñas para este 2012:

Novo marco normativo. A Xunta de Galicia ten previsto aprobar este ano unha nova lei de bibliotecas.

Instrumentos de análise e avaliación. Co obxectivo de contar cunha información completa, actualizada e contrastada da realidade dos centros da Rede Galega de Bibliotecas, proponse a elaboración e a publicación anual do Censo de Bibliotecas. Así mesmo, para facilitar unha mellor concreción dos criterios de calidade da rede e favorecer o traballo planificado, elaborarase o Mapa de Bibliotecas Públicas de Galicia.

A Biblioteca de Galicia, centro de referencia. A Biblioteca de Galicia ten como misión fundamental a recollida, recuperación e difusión do patrimonio bibliográfico e de toda a produción bibliográfica que se realice tanto en Galicia como no resto do mundo, en lingua galega e tamén noutros idiomas cando sexa de especial interese para o país.

Web 2.0 e redes sociais. As tecnoloxías da información e da comunicación son ferramentas básicas para o noso desenvolvemento, polo que co obxectivo de situar as bibliotecas públicas galegas como mediadoras cualificadas entre o usuario e as súas necesidades informativas, educativas, de formación e de ocio, levaranse a cabo novos proxectos de desenvolvemento informático.

Mellora de servizos e contidos. Para aumentar a calidade, a eficiencia e a proxección dos centros da Rede de Bibliotecas de Galicia, a Consellería de Cultura e Educación organizará cursos de formación para os seus profesionais, impulsará un programa de actividades culturais e de animación á lectura para todos os públicos e realizará actividades de fomento da lectura e do libro galego.