Print this page

Cultura financiará a musealización da casa de Cunqueiro en Mondoñedo

Rate this item
(0 votes)

A Consellería de Cultura achegará un total de 120.000 euros para a musealización da casa de Álvaro Cunqueiro, sita na propia praza da Catedral de Mondoñedo. Este anuncio faise público tras o acordo entre o goberno de Galicia e o concello de Mondoñedo.

Román Rodríguez, titular da carteira de Cultura, explicou que este convenio é o principio do fin dun proceso delongado no tempo, pero que está a piques de concluírse. E lembrou que o proxecto dun museo para Álvaro Cunqueiro é unha aspiración colectiva do pobo de Mondoñedo. Neste sentido, Rodríguez afirmou que esta casa museo será un novo referente no eido do turismo literario para Galicia, recordando que Mondoñedo e a praza da Catedral son puntos principais dos Camiños do Norte, incluídos na lista do Patrimonio Mundial da UNESCO.

Trátase dunha aposta por unha difusión rigorosa e adaptada a todos os públicos da vida e obra de Cunqueiro, defendendo a idoneidade da elección da casa na que o autor mindoniense escribiu obras tan emblemáticas como o Merlín e familia.

A actuación inclúe unha parte dotacional que abrangue a adquisición de equipos audiovisuais, a instalación do sistema de seguridade e accesibilidade do centro, a produción de contidos gráficos e audiovisuais, así como da moblaxe específica para o espazo expositivo, e a documentación e deseño de contidos da musealización do fogar de Cunqueiro.