Print this page

Convocados premios literarios en poesía e relato

Rate this item
(0 votes)

A pesares da crise económica que estamos a padecer é de agradecer -e moito- o labor que dende algúns concellos e entidades do país desenvolven en prol da cultura. Entre as diferentes achegas que fan están os concursos literarios, ferramenta indispensable para peneirar parte da literatura máis novidosa que producen as creadoras e os creadores.
Entre eses concursos literarios que están nestes días abertos os prazos de aceptación de orixinais están dous: un de poesía e outro de relato.

O concello de Carral convoca a XV edición do seu concurso de poesía, un dos máis importantes no panorama poético galego. Está aberto o prazo de envío dfe orixinais ata o 31 de marzo e poderán optar ao premio todos os autores/as maiores de idade e de calquera nacionalidade, sempre que o seu traballo se presente escrito en lingua galega. Non poden participar anteriores gañadores/as deste concurso. Fíxase un premio único de 2.000 euros e o xurado pode declarar deserto o premio. Os traballos a presentar serán orixinais, inéditos e non premiados noutros concursos no momento das deliberacións do xurado (os autores dos traballos premiados deberán comunicarllo de xeito inmediato á organización), e cunha extensión non inferior aos 500 versos.

Pola súa banda o Liceo de Noia convoca a IX edición do concurso de  relatos Liceo de Noia, dotado con 1.000 euros. O tema será libre e poderán concorrer a este concurso todas as persoas de calquera nacionalidade que presenten o seu relato en lingua galega, cunha extensión mínima de tres folios e máxima de seis, e que sexa inédita. Os textos presentaránse por cuadriplicado, mecanografados por unha soa cara e a duplo espazo antes do día 1 de abril.