Print this page

Constituída a Fundación Gonzalo López Abente

Rate this item
(0 votes)

O pasado sábado o mundo da cultura galega citouse en Muxía para presentar en sociedade a Fundación Gonzalo López Abente.

No Salón de Plenos do Concello tivo lugar a presentación oficial da Fundación a cargo de Félix Porto e X. H. Rivadulla Corcón, e a sinatura da acta fundacional por parte dos representantes das institucións que forman parte do Padroado : Deputación da Coruña, Real Academia Galega, Universidade da Coruña, Universidade de Santiago, Consello da Cultura Galega, Asociación de Escritores en Lingua Galega e o Pen Club Galicia.

De seguido os asistentes trasladáronse ao cemiterio para facer unha ofrenda floral diante da tumba do poeta e un recital de poemas de López Abente nas voces de Rivadulla Corcón, Miro Villar, González Tosar, Cesáreo Sánchez, Méndez Ferrin e Antonio Balboa ( sobriño de López Abente). Este emotivo acto foi presentado por uns dos patróns fundadores , Suso Sambade.

A Fundación Gonzalo López Abente ten como obxectivo principal promover e difundir o coñecemento da vida e obra do poeta, así como o doutros poetas e escritores galegos. Para a consecución dos seus fins, os estatutos da Fundación establecen a creación dun Museo Literario, a promoción de estudos de investigación e divulgación da vida e obra de Gonzalo López Abente, Xervasio Paz Lestón, Vitorino Abente Lago e outros escritores nados ou relacionados con Muxía, a organización de talleres literarios, cursos relacionados coa literatura, actividades culturais, congresos e seminarios, así como promover actividades e accións de ámbito literario e cultural que teñan como obxectivo a difusión e promoción do idioma galego.

A asemblea de constitución aprobou por unanimidade a composición da Comisión Executiva da Fundación: Presidente, Félix Porto Serantes, Alcalde do Concello de Muxía; Vicepresidente, X. H. Rivadulla Corcón; Secretaria, Viki Rivadulla Conde; Tesoureiro, Arturo Suárez Varela; Vocais, Amparo Baña Alvarez. Concelleira de Cultura do Concello de Muxía, Miro Villar, Xan Fernández Carrera, Manuel Vilar Álvarez e Xesús Sambade.

Gonzalo Francisco López Abente (Múxía 1878-1963) foi, amais de escritor, xornalista e dramaturgo, baseando na Costa da Morte boa parte da súa obra. Emparentado por liña materna con Eduardo Pondal licenciouse en Dereito en 1899. Viaxou por Francia, Bélxica e Holanda, pero pasou a maior parte da vida en Muxía dedicado aos negocios bancarios. López Abente foi integrante das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos e presidente da Asociación de Escritores de Galicia. Colaborou en revistas e periódicos. No ano 1971 foi homenaxeado no Día das Letras Galegas.