Print this page

Constitúese en Ourense a Fundación Eduardo Blanco Amor

Rate this item
(0 votes)
Constitúese en Ourense a Fundación Eduardo Blanco Amor Foto: Deputación de Ourense

O pasado 17 de outubro constituíuse a Fundación Eduardo Blanco Amor, unha entidade que nace co obxectivo de conservar e difundir a obra do insigne escritor ourensán. O labor da fundación centrarase na promoción e tradución da obra blancoamoriana, así como na investigación, catalogación e conservación do arquivo documental; e na realización de actividades culturais e de dinamización sociocultural de todo o relacionado con Blanco Amor na provincia de Ourense, en Galicia, no estado español e en países de América vencellados ao escritor. Tamén inclúe entre os fins a divulgación de actividades nos campos da literatura, o xornalismo, a lingua galega, as artes, a fotografía e os estudos históricos e políticos abordados polo autor e polos investigadores da súa obra.

Asemade, será labor da Fundación potenciar e difundir a cultura e a realidade social, sobre todo da época do escritor, en Ourense, Galicia e no exterior; e colaborar con entes públicos e privados de fins semellantes.

Para levar a cabo este traballo, a Fundación levará a cabo a catalogación e conservación do arquivo documental e da súa biblioteca, propiedade da Deputación de Ourense, así como de toda a documentación relacionada coa figura de Blanco Amor, e tamén se ocupará da divulgación da súa obra, da formación de artistas e estudosos nos eidos relacionados coa actividade do escritor ourensán.

A Presidencia da Fundación recae no presidente da Deputación de Ourense e o vicepresidente será o representante da familia de Blanco Amor de maior grao de consanguinidade. Os patróns da Fundación Eduardo Blanco Amor  son: Gonzalo Allegue Otero, Victoria Álvarez Ruíz de Ojeda, Eduardo Camilo Bóveda Sebastián, María Soledad Do Muiño Cid, Luís González Tosar, Ángeles Fernández Pérez, Bieito Iglesias Araujo, Carlos Laiño Lorenzo, Arturo Lezcano Fernández, Siro López Lorenzo, Acisclo Manzano Freire, Maribel Outeiriño Rodríguez e Luís Pérez Rodríguez. En canto ás persoas xurídicas son: o Concello de Ourense representado polo seu alcalde, Jesús Vázquez Abad; a consellería de Cultura do goberno de Galicia representada por Román Rodríguez González; e a editorial Galaxia representada por Antón Vidal Andión.