Print this page

Concerto-Homenaxe a C.E. Ferreiro en Celanova

Rate this item
(0 votes)

Celanova acolle mañá venres 13 de abril un concerto-homenaxe a Celso Emilio Ferreiro, no marco do programa de actividades que a Consellería de Cultura está a promover para celebrar o centenario do nacemento do poeta. Actuacións musicais en directo, recitais e proxeccións audiovisuais difundirán os versos do poeta de Celanova, nunha gala que será presentada pola actriz María Mera e que terá lugar no Auditorio Municipal de Ilduara de Celanova (AMIC) a partir das 20.00 h.

O concerto inclúe espectáculos musicais, recitais en directo e diversas proxeccións audiovisuais que permitirán “afondar na achega que Celso Emilio Ferreiro lle ofreceu a Galicia tanto no plano creativo como para a construción social colectiva”, segundo indicou o Secretario Xeral de Cultura Anxo Lorenzo.

A homenaxe contará coas actuacións musicais de María do Ceo, de Luís Emilio Batallán e de Davide Salvado, así como con recitais poéticos a cargo do escritor Luís González Tosar e mais de escolares de Celanova. Durante todo o acto tamén se proxectarán diversos vídeo-poemas que terán como protagonista a obra de Celso Emilio Ferreiro a través da voz de diferentes persoeiros, entre eles María do Carme Krückemberg, Isaac Díaz Pardo, Miro Casabella, Míchel Salgado, Manuel Manquiña, Ibrahim Lang e mais a muller e a filla do poeta homenaxeado, Moraima e Isabel Ferreiro, respectivamente.

Este concerto homenaxe a Celso Emilio Ferreiro tamén conta coa colaboración da Fundación Celso Emilio Ferreiro e da Deputación Provincial de Ourense. A entrada é de balde pero hai que solicitar confirmación previa no enderezo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ou no teléfono 981 544 814.