Print this page

Comunicado da AELG ante a actuación do Valedor do Pobo

Rate this item
(0 votes)

Reproducimos de seguido o comunicado da Asociación de Escritores en Lingua Galega sobre a interpretación e a decisión que fai o Valedor do Pobo en canto á regulación estatutaria das linguas oficiais de Galicia e que se pode consultar aquí:


COMUNICADO DA AELG:

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) recibe con profundo malestar a información que algúns medios de comunicación ofrecen no día de hoxe á cidadanía, a respecto de o Valedor do Pobo terse dirixido á Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria para que se retire ‑do mercado e das aulas nas que está en activo‑ un libro de texto de Coñecemento do Medio, en Educación Primaria, por recoller de xeito literal o disposto a respecto da lingua galega polo Estatuto de Autonomía no seu artigo 5.1., «A lingua propia de Galicia é o galego»; petición acollida, de xeito inmediato, por parte da propia Consellería de Educación, indicando que instará á editorial a «que corrixa con carácter definitivo» as próximas edicións da obra e advertíndo de que «En caso contrario teriamos que adoptar as decisións oportunas por parte da Administración educativa.»

Esta negación e deslexitimación da redacción do propio Estatuto de Autonomía é considerada pola AELG como unha gravísima actuación que ataca o principal soporte legal protector da nosa lingua (a súa consideración como propia e oficial), promovida como un ataque manipulador contra o principal trazo identificador do que somos e representamos no actual marco plurilingüe e pluricultural do Estado español.

A AELG quere deixar constancia pública da súa valoración como absolutamente inadmisíbel deste feito, un ataque máis á nosa lingua que nunca debeu terse producido, máxime tendo en conta que procede daquelas autoridades e organismos que deberan centrar a súa preocupación e esforzo en cumprir cos principais mandatos legais a este respecto: a súa protección real e promoción desprexuizada.

Desde a AELG, agardamos unha rectificación inmediata por parte do Valedor do Pobo, así como a súa dimisión, pois en reiteradas ocasións ten manifestado o incumprimento das súas funcións a respecto da defensa do galego como lingua normalizada.