Print this page

Compostela rememorará o Banquete de Conxo os días 21 e 22 de abril

Rate this item
(0 votes)

Preto de 30 expositores participarán no I Mercado do Libro e a Artesanía no marco da Festa do Banquete de Conxo, que e desenvolverá neste barrio compostelá durante a fin de semana do 21 e 22 de abril.

Marta Lois, concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, declarou que “a iniciativa enmárcase na celebración do Banquete de Conxo, unha iniciativa transversal entre varios departamentos para rememorar un dos fitos históricos máis importantes da nosa historia recente". O mercado abrirá o sábado de 11.00 h. a 14.00 h. e de 17.00 h. a 21.30 h., e o domingo de 11.00 h. a 14.00 h. e de 17.00 h. a 20.30 h. Durante as dúas xornadas e, en horario ininterrompido, haberá xogos e chocolatada. Ademais, para facilitar a visita, funcionará un bus lanzadeira cada media hora dende a rúa da Rosa ata a praza da Mercé de 11.00 h. a 20.00 h.

En total, formarán parte do mercado 27 iniciativas culturais, entre as que se inclúen 10 editoriais, 6 librarías e 2 expositores de obra gráfica e ilustración. Delas, 15 están radicadas en Santiago de Compostela e as outras 3 proveñen do resto de Galicia.

En canto aos artesáns e artesás, participan 9 representantes dos sectores máis tradicionais da artesanía galega: cerámica, ferro, prata, téxtil, madeira, coiro, cestería e instrumentos tradicionais, que ofrecerán o seu traballo en directo. Deles, 5 son de Santiago, outros 3 de concellos da contorna (Teo, Rianxo e Muros) e 1 de Vigo.

A celebración dará comezo o sábado a partir das 12.00 h. cunha visita guiada ao Banquete de Conxo da man do xornalista Henrique Alvarellos. Posteriormente haberá unha mesa redonda sobre a importancia do Banquete e os desafíos que ten por diante o barrio de Conxo. Xa ás 18.30 h. darán comezo as actividades infantís cunha representación de monicreques, unha chocolatada e unha dinámica infantil titulada O Conxo que queremos, na que os nenos e as nenas expresarán as súas ilusións e soños para o barrio. Tamén ás 18.30 h. actuará a coral do Hospital Psiquiátrico de Conxo acompañada da Coral Solfa, rematando con Conxo, festa da poesía, un evento lúdico que incluirá rap, poesía, regueifa e música.

O domingo retómase a festa ás 11.30 h. cun desfile teatralizado de estudantes e artesáns dende o casco histórico ata o campo de Conxo, onde haberá un concerto da Banda Municipal interpretando pezas de mediados do século XIX. A continuación, a estrea dunha obra teatral na que se escenifica o Banquete de Conxo orixinal e un xantar popular con brindes da veciñanza e poetas. A sobremesa estará amenizada polo Serán da fraternidade, unha foliada de música tradicional. O domingo haberá unha nova oportunidade de coñecer a zona cunha nova visita guiada con Henrique Alvarellos, a partir das 18.30 h.

O banquete de Conxo tivo lugar o 2 de marzo de 1856 no concello de Conxo, integrado dende 1925 no concello de Santiago de Compostela. O banquete foi organizado polos estudantes liberais en homenaxe ao "terceiro estado", e constituíu un xesto de irmandade entre a clase traballadora e o estudantado. Organizado entre outros por Luís Rodríguez Seoane, sábese que ao banquete asistiron personalidades da talla de Aurelio Aguirre e de Eduardo Pondal, e pode, aínda que non está confirmado, que participara igualmente Rosalía de Castro. O Banquete de Conxo converteuse nun acontecemento de grande importancia simbólica e real dentro da historia de Galicia, transformándose nunha parte significativa da memoria colectiva.

Máis información: