Hoxe principian os Roteiros Literarios por Compostela, actividade organizada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) que ten como finalidade axudar a coñecer a Compostela literaria da man de catro escritoras e escritores, que guiarán aos asistentes destes roteiros en cadanseu particular percorrido. Os escritores participantes son Euloxio Rodríguez Ruibal, Marilar Aleixandre, Inma López Silva e Marta Dacosta. Todos estes roteiros son de balde e non hai necesidade de apuntarse.
O roteiro con Euloxio R. Ruibal comezará ás 20.00 h. na estatua de Chillida no Parque de Bonaval. Os participantes percorrerán as principais rúas da zona monumental (Casas Reais, Preguntoiro, Rúa Nova, Rúa do Vilar…) e faranse paradas na praza de Cervantes, praza de san Martiño Pinario, praza da Quintana, praza do Obradoiro, praza de Mazarelos, praza da Universidade… Tamén haberán paradas en espazos de especial simbolismo (Panteón de Galegos Ilustres) ou diante de edificios onde residiron insignes escritores (Murguía, Bouza Brey, López Ferreiro…). Notábel presenza terán tamén escritores contemporáneos do meirande prestixio literario; xa pola súa estreita vinculación coa cidade compostelá (Lorca, Otero, Castelao…), xa por formar parte da sús veciñanza durante logo tempo (Novoneyra, García-Bodaño, Carvalho Calero, Ramón Piñeiro).
O resto de roteiros pola cidade compostelá serán o 28 de xuño con Marilar Aleixandre, o 23 de agosto con Inma López Silva e o 30 de agosto con Marta Dacosta. Todas ás 20.00 h.