Print this page

Comezan as actividades do Ano Celso Emilio Ferreiro

Rate this item
(1 Vote)

Tal día como hoxe, hai cen anos, nacía en Celanova Celso Emilio Ferreiro, escritor, político e un dos máximos expoñentes da poesía social na lingua do país.

Para conmemorar este centenario, este Ano Celso Emilio Ferreiro, programáronse unha serie de exposicións, edicións de libros, concertos e outras actividades destinadas a todos os públicos e a todos os sectores da poboación galega, para pór de manifesto a vixencia dunha obra imprescindible da literatura e da poesía dun dos escritores máis representativos do século XX galego.

O programa de actos comezará hoxe mesmo, a través da iniciativa ‘100 poemas para lembrar a Celso Emilio’, unha actividade desenvolvida pola Xunta que consistirá na exhibición de mostras da súa poesía nos escaparates de cen establecementos públicos e privados de Celanova, durante todo o ano 2012. Esta acción, coa que se pretende achegar ao público o máis significativo da poesía de Celso Emilio Ferreiro, realízase en colaboración co Concello de Celanova, mediante a edición especial dos cen poemas seleccionados xunto a un breve resumo da biografía do poeta e a referencia dos establecementos participantes no proxecto.

O Ano Celso Emilio Ferreiro contará asemade cunha exposición interactiva centrada na súa vida e na súa obra, que percorrerá o territorio da comunidade en itinerancia polas bibliotecas e os centros escolares de Galicia. Durante este ano de conmemoración levaranse a cabo dous concertos de homenaxe, a través da AGADIC, coa participación de destacados intérpretes galegos que levaron aos escenarios e popularizaron poemas do autor e coa realización dun espectáculo multimedia baseado na súa figura. A creación da páxina web oficial de Celso Emilio Ferreiro dispoñible en tres idiomas, galego, castelán e inglés, e a a celebración dunha xornada de homenaxe na Biblioteca da Cidade da Cultura, serán outras iniciativas destacadas.Cómpre subliñar tamén o proxecto ‘Vivo na rúa Celso Emilio Ferreiro’, un reparto de poemas da autoría do escritor celanovés nas caixas do correo das rúas das cidades e vilas de Galicia que levan o nome do escritor, un total de 28 concellos. Con esta iniciativa, levarase aos fogares unha obra literaria tan importante para a nosa cultura.

En canto á internacionalización da literatura galega, o goberno galego ten previsto a edición en 2012 de Longa noite de pedra en versión inglesa, ao cargo do tradutor Jonathan Dunne e no marco da colección Galician Classics. Esta colección da Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, conta co obxectivo prioritario de difundir en lingua inglesa as obras máis destacadas da literatura clásica galega. Nesta mesma liña de internacionalización a Xunta de Galicia editará a versión bilingüe galego castelán de Longa noite de pedra, ao cargo do profesor e crítico Ramón Nicolás, que tamén prepara unha biografía, que se sumará á homenaxe. Así mesmo, publicarase a edición dos artigos publicados por Celso Emilio no diario ABC, onde tiña a sección ‘Mirador literario: escrito gallego’, desde 1973 ata o seu pasamento, en 1979.


Celso Emilio Ferreiro

decir espada estaba prohibido,
decir prisión somente era unha verba
sin senso, un aire que mancaba
o corazón da xente.
¿Cando,
cando se perdeu,
iste gran Reino?

Celso Emilio Ferreiro (Celanova, 1912-Vigo, 1979) iniciou desde moi novo unha actividade política e literaria que estaría sempre marcada polo compromiso co país. Cando estala a guerra Celso Emilio foi obrigado a se incorporar ao exército franquista. Condenado a morte por un artigo publicado en Guieiro -revista que el mesmo dirixía-, a súa familia consegue o indulto. No tempo que estivo na cadea escribe o poema Longa noite de pedra, núcleo central do libro do mesmo título.

Casa con Mª Luisa Moraima Loredo o 15 de xullo de 1943 e se instalan en Pontevedra. Nesta cidade funda en 1948 con Emilio Álvarez Negreira e máis por Sabino Torres a colección Benito Soto.

En 1966 emigra a Venezuela, onde colaborará coa Hermandad Gallega e funda o Patronato da Cultura Galega.

Retorna no ano 1973 instalándose en Madrid. Nunhas vacacións en Vigo, na súa casa da Avenida de Castrelos, morre por un derrame cerebral. Foi o día 31 de agosto do 1979. Celso Emilio recibirá posteriormente sepelio en Celanova

No ano 1989 foille dedicado o Día das Letras Galegas.