Print this page

Comeza unha nova edición do Culturgal, a grande Feira das Industrias Culturais

Rate this item
(0 votes)

Culturgal celébrase dende hoxe venres e ata o 1 de decembro de 2019 Pazo da Cultura de Pontevedra, nun espazo no que ao redor de 15.000 persoas danse cita anualmente na Feira das Industrias Culturais. Unha décimo segunda edición da Culturgal para facer da cidade de Pontevedra un lugar de encontro confortable, eficiente e novidoso con centos de liñas cruzadas entre públicos, expositores, creación, difusión, institucións, participación, venda, distribución, formación...

Baixo o lema Dálle unha volta á feira!, Culturgal 2019 presenta como principal novidade a redistribución espacial do recinto feiral e unha mellor adecuación dos escenarios aos contidos da feira baixo os nomes Infantil (con contacontos, baile, obradoiros, ciencia etc.), Foro (presentacións e encontros profesionais), Carpa (espectáculos, cunha capacidade máximade 400 persoas), libro (presentacións de lanzamentos, premios e outras novidades) e Cinema (traballos audiovisuais e avance dos que virán), ademais do espazo dedicado á arte contemporánea.

Así, cos 85 expositores do recinto feiral e os 18 do devandito Espazo Arte Contemporánea, este percorrido busca ofrecer unha panorámica da actividade cultural galega con galerías, editoriais, librarías, axencias culturais, artesáns e compañías, entre outras entidades. En canto á representación profesional e artística, Miguelanxo Prado, Marful, Chévere, Quico Cadaval, Oliver Laxe, Ledicia Costas, Dios Ke Te Krew, Tanxugueiras e Mabel Rivera son algúns dos nomes que figuran no programa desta edición.

A feira está promovida pola Asociación Culturgal, que engloba á súa vez as asociacións profesionais máis representativas do sector: Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Empresas Galegas Dedicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) e Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi).