Print this page

Comeza a SELIC 2018, que promete mellorar a edición do pasado ano

Rate this item
(0 votes)

Máis dunha trintena de expositores, entre editoras, librarías e institucións tomarán parte na segunda Semana do Libro de Compostela (SELIC), que se desenvolverá na praza da Quintana dende hoxe ata o domingo 10 de xuño.

A SELIC buscar converterse nun espazo singular, con postos heteroxéneos que reflictan a diversidade do sector do libro da capital do país.

Será unha semana de celebración ao redor do libro, con actividades que inviten á participación de toda a familia. Por iso, máis alá das presentacións e firmas de exemplares, na Semana do Libro fomentaranse actividades paralelas como visitas guiadas pola cidade, espectáculos infantís, actuacións musicais, mesas redondas, ou obradoiros.

Entrando nalgúns dos nomes que pasarán pola SELIC atopamos o de Marga Tojo, que estará a presentar o seu libro Cara de velocidade (Kalandraka); Carlos Negro, que fará o propio con Tundra (Espiral Maior); Eli Ríos con Culpable (Xerais), e Teresa Moure con Não tenho culpa de viver (Chan da Pólvora), no que traduce ao galego os poemas de Ana Brouwer. Ademais, o escritor e xornalista Daniel Salgado e o poeta Ismael Ramos conversarán sobre os seus últimos libros, O gran rexeitamento/Flores para Albert Ayler (Apiario) e Lumes (Apiario), polo que Ramos vén de recibir o premio á mellor edición na Gala do Libro Galego 2018. A SELIC contará tamén coa presenza do poeta Antonio Gamoneda. O gañador do Premio Cervantes visita Compostela para descubrir en Fonseca un novo chanzo do Xardín das Pedras que Falan. O venres 8 manterá na carpa un encontro co público que será conducido por Claudio Rodríguez Fer.

Por outra banda a SELIC estreitará lazos co mundo da lusofonía, deste xeito a cidade portuguesa de Póvoa de Varzim será a cidade convidada desta SELIC e desenvolverase un amplo programa coa literatura portuguesa de fondo.

Tal e como aconteceu na primeira edición, a SELIC 2018 presta especial atención ao público e á literatura infantil e xuvenil. Haberá numerosas actividades de balde, con presentacións e sinaturas diversas e tamén con obradoiros creativos, xogos, contacontos, paseos narrativos, cantigas e brincadeiras que serán coordinados e animados por Xandobela. Ente elas, destacan as que teñen como centro a figura de María Victoria Moreno. O domingo 3, Xandobela conducirá un paseo narrativo, lúdico e creativo a través das historias que a autora nos deixou no seu libro Mar adiante, e o sábado 9, a poeta Eli Ríos guiará á rapazada pola vida e obra da autora.

 Finalmente, entre as actividades da SELIC 2018 cómpre mencionar de novo a publicación de libros. Nesta segunda edición da feira editaranse seis novos volumes. Cinco deles reúnen relatos escritos até principios do século XX e traducidos á nosa lingua por Pepe Sendón, nos que atoparemos historias de Guy de Maupassant, Chekhov, Poe, Apollinaire, Kafka ou Proust, entre outros. O sexto volume, baixo o título Contos composteláns, comporase dun feixe de relatos de Ramón Caride Ogando, Salvador García-Bodaño, Marilar Aleixandre, Miguel Anxo Murado, Gonzalo Navaza e Helena Villar Janeiro, que se desenvolven nas rúas de Santiago.

A Semana do Libro de Compostela é o resultado de meses de traballo colaborativo entre o Concello de Santiago e a Mesa do Libro de Compostela. Nace en 2017, co obxectivo de atender as demandas e as necesidades de libreiros e editoriais da capital galega, e co reto de ir un paso máis alá das feiras do libro tradicionais. E neste 2018 celebra a súa segunda edición.

Máis información: