Print this page

Colaboración entre a RAG e Educación para o desenvolvemento de proxectos lingüísticos

Rate this item
(0 votes)

O presidente da Real Academia Galega (RAG), Xosé Luís Méndez Ferrín, e o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, asinaron un convenio de colaboración para que se continúe desenvolvendo os traballos da RAG de terminoloxía, lexicografía e  sociolingüística.

Para o desenvolvemento de terminoloxía, un dos proxectos fundamentais que a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a través do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, mantén en colaboración coa RAG é o Termigal, o Servizo de Terminoloxía Científico-Técnica en Lingua Galega.

En segundo lugar, en canto aos traballos lexicográficos, o convenio permitirá finalizar a nova edición do dicionario da RAG, así como a actualización do seu dicionario bilingüe castelán-galego. Finalmente, no marco do convenio impulsarase a investigación sociolingüística sobre os cambios e a evolución da lingua galega, o que permitirá poder poñer en práctica novas medidas de acordo coa realidade actual.

Ademais dos proxectos que se inclúen neste novo convenio, a Consellería de Educación colabora coa RAG na realización do XXIV Curso de Lingua e Cultura Galegas para Estranxeiros e Españois de fóra de Galicia, unha iniciativa que está a desenvolver o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago durante este mes de xullo e no que participan un total de 90 estudantes de máis de 20 países. Así mesmo, a entidade que preside Méndez Ferrín está a recibir da Secretaría Xeral de Política Lingüística a axuda económica anual que se inclúe no orzamento deste departamento da consellería.