Print this page

Chega a Vigo a mostra de Anxo Cabada que conxuga fotografía e literatura galega actual

Rate this item
(0 votes)

Cincuenta autores e autoras da literatura actual galega foron retratadas pola mirada singular do fotógrafo Anxo Cabada, que as reúne nunha mostra na que cada imaxe se acompaña dun texto literario da persoa fotografada. A exposición, que leva por título  O imaxinario do país. Letras de magnesio. Retratos fotográficos e autorretratos literarios de escritores e escritoras, chegou o pasado venres 27 a Vigo, onde permanecerá na Casa das Artes ata o 9 de setembro.

Recuperar o pulso da calma e da reflexión a través da fotografía é un dos obxectivos deste proxecto, co que Anxo Cabada quere contrapoñer o acto formal que supuña a fotografía antigamente co momento actual, no que o feito de fotografarse é totalmente cotián e, na maioría dos casos, de consumo rápido. Entre os retos que o autor das fotografías asumiu nesta proposta expositiva tamén se conta o de dar unha visión persoal e íntima de escritores e escritoras que xa contan cunha proxección e cunha imaxe pública, para o que precisou estratexias para desposuír a todos e todas as participantes no proxecto da que denominou a ‘máscara pública'.

Todas as fotografías son en branco e negro e foron tomadas co mesmo pano de fondo. Segundo Anxo Cabada  a utilización do pano responde, dunha banda, á simboloxía dos fotógrafos antigos e á recuperación dun tempo perdido no que a fotografía supuña un instante máxico. Doutra, o pano de fondo tamén unifica e dá identidade ao proxecto, igualando un fondo que supera os lugares físicos onde se realizaron as sesións fotográficas e que foron do máis variado, desde a casa dos autores e autoras, ata lugares exteriores ou a casa do fotógrafo. Á idea da fotografía como reflexión e de recuperación do pulso da tranquilidade, súmanse os textos literarios que cada autor ou autora achegou á súa imaxe. Así, a mostra presenta un equilibrio entre a mirada do autor das fotos e a mirada das persoas retratadas, tanto a través da imaxe como da palabra escrita.

Entre os cincuenta participantes poden contarse representantes de diversos estilos literarios e de diferentes idades e xeracións como son Xosé María Álvarez Cáccamo, Antía Otero, Darío Xohán Cabana, María Lado, Yolanda Castaño, María Xosé Queizán, Lucía Novas, Miguel Anxo Fernán Vello, Dores Tembrás, Eva Veiga, Baldo Ramos, Rosalía Fernández Rial, Ramón Caride, Francisco Castro, Estíbaliz Espinosa, Valentín Carrera, Chus Pato, Fran Alonso, Carmen Blanco, Claudio Rodríguez Fer, Déborah Vukusic, Anxos Sumai, María Solar, Olga Novo, Anxo Angueira, Manuel Álvarez Torneiro, Marga do Val, Xosé Vázquez Pintor, Mercedes Queixas Zas, Alfredo Conde, Pedro Feijóo, Xavier Rodríguez Baixeras, Xina Vega, Suso de Toro, Silvia Penas, María Reimóndez, Xesús Constela, Esther F. Carrodeguas, Domingo Villar, Manuel Forcadela, Xosé Luis Méndez Ferrín, e Iolanda Zúñiga.

A exposición, tras pasar por Vigo e previamente por Pontevedra, continuará a súa itinerancia por Lalín, Cangas e Ponteareas. Ademais, inclúe un catálogo con todas a imaxes e textos e cun prólogo do escritor e crítico literario Ramón Nicolás.