Print this page

Celebran coa publicación dun libro os 35 anos da AC Lumieira

Rate this item
(0 votes)

A semana pasada presentouse o libro Follas de Carballo, que ven de se publicar co gallo do 35 aniversario da Agrupación Cultural Lumieira. O libro está coordinado por Nel Vidal e ilustrado por Alberto Varela Ferreiro e conta coa participación de sete autores carballeses, con cadanseu relato. Da introdución do libro encargouse o catedrático de lingua Xosé Ramón Freixeiro Mato e do prólogo o historiador Xan Fraga.

Follas de Carballo é un libro de autoría múltipla que presenta a vantaxe da súa variedade, que permite confrontar ao lector con estilos e temáticas diferentes, con historias ambientadas en épocas que van desde o período medieval á actualidade, pasando polo século XVIII, nas cales están presentes motivos como o amor, a morte, a saudade, a loita, a música, etc. Na maior parte delas latexa a presenza de Galicia como espazo en que transcorren os feitos narrados, mais tamén a xeografía bergantiñá serve de marco espacial.

Da autoría dos relataos encárganse os escritores Xurxo Borrazás, Fernando Cabeza Quiles, Xurxo Chapela, Rosalía Fernández Rial, Farruco Graña, Henrique Mariño e Ignacio Silva.

A Agrupación Cultural Lumieira creouse no ano 1976 en Carballo, e sempre se distinguiu polo seu compromiso coa cultura e a lingua galega. Celebra todos os anos o concurso infantil de pintura, desde o ano 1980. Ten publicado varios libros e revistas de importante repercusión na vila e na comarca.