Print this page

Catro autoras e autores nos amosarán a Compostela máis literaria

Rate this item
(0 votes)

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e a Concellaría de Acción Cultural de Santiago de Compostela organizan un ciclo de percorridos literarios por Compostela que procura outra ollada á historia e xeografía da cidade. A escritora e investigadora compostelá Esperanza Mariño Davila, o autor e profesor de lingua e literatura compostelán Daniel Asorey, o novelista limiao Antón Riveiro Coello e a poeta viguesa Marta Dacosta idean e conducen as catro rutas literarias que o ciclo levará ás rúas de Compostela cada xoves entre hoxe 14 de setembro e o 5 de outubro.

A participación é gratuíta, pero está a limitada a 50 prazas, polo que as persoas interesadas deben reservar a súa no correo Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.. Teñen de prazo até o día anterior a cada un dos percorridos. Os catro itinerarios previstos arrancarán ás 18.00 h.

O ciclo ábrese o xoves 14 de setembro co Itinerario compostelán de Isaac Díaz Pardo, con Esperanza Mariño Davila. Partindo da casa natal da Tumbona, na rúa das Hortas, a escritora conducirá unha visita aos lugares clave na vida compostelá de Isaac Díaz Pardo, que conecta as épocas republicana e democrática (adolescencia xunto coa madurez e ancianidade), e salienta a súa importancia literaria.

A casa natal de Isaac Díaz Pardo, a rúa que leva o seu nome, o Colexio de Fonseca, a carballeira de Santa Susana e o Museo do Pobo Galego son só algúns dos lugares polos que pasará o percorrido. O prazo límite para reservar praza é o mércores 13 de setembro ás 14.00 h.

O seguinte xoves, 21 de setembro, vez para Daniel Asorey e o seu itinerario Compostela en Nordeste. Con saída da Cruz de San Pedro, o autor de Nordeste guiará as persoas asistentes pola Compostela da novela que lle valeu o do premio de Narrativa Breve Repsol 2016. Da súa man, coñecerán a capital da República das Santas Irmandades da Galiza e a figura de Carme de Candingas, vedora maior da mesma.

A ruta partirá da Cruz de San Pedro e percorrerá os lugares polos que transita a novela, até concluír no Palacio da Xunta Xeral, actual sede do Concello. Dende as súas xanelas, as persoas visitantes poderán albiscar o lugar exacto onde Nordeste remata. As reservas, ata as 14.00 h. do mércores 20 de setembro.

Antón Riveiro Coello é o protagonista do seguinte percorrido, titulado Os elefantes en Compostela e previsto para o xoves 28 de setembro. Ten como punto de partida a carballeira de San Lourenzo e levará os/as participantes por diversos espazos que son o pano de fondo da súa novela Os elefantes de Sokurov.

Nunha orde inversa á liña argumental do texto, o autor guiará as persoas inscritas por unha ruta que parte do barrio de San Lourenzo, pasa polo Pombal e chega á praza de Cervantes, onde comeza a historia duns personaxes que nos van amosando a súa visión entusiasmada e sensorial dunha cidade múltiple que transcende, que amorea os séculos na pedra e a converten nun museo aberto. A inscrición remata o mércores 27 de setembro ás 14.00 h.

O ciclo finalizará o xoves 5 de outubro con Compostela en Crear o mar en Compostela, con Marta Dacosta, un percorrido que sairá da praza de Mazarelos, diante da antiga Facultade de Filoloxía. Compostela é ese lugar en que fomos recalando. Os seus espazos son testemuña do agromar de proxectos e xeracións. A historia da poesía galega pasa sempre por esta cidade que foi o crisol no que se fundiron as voces que chegaban dos diferentes puntos cardinais.

A través das súas rúas, faremos memoria das xeracións poéticas que a cidade viu nacer, nomeadamente da promoción dos 90. Tras a saída de Mazarelos, o itinerario percorre lugares como a rúa do Castro, o Preguntoiro, Entremuros, a rúa Nova e a estatua de Rosalía na Alameda. Este itinerario pode reservarse ata as 14.00 h. do mércores 4 de outubro.