Print this page

Casahamlet faise co premio Otero Pedrayo

Rate this item
(0 votes)

A escola e compañía de teatro coruñesa Casahamlet foi galardoada co premio Otero Pedrayo, instituído polas catro deputacións galegas e a Xunta de Galicia, co obxecto de premiar un labor constante de dignificación da cultura galega, así como promover os valores propios do noso país.

O presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, foi o encargado de facer público a decisión do xurado durante unha rolda de prensa celebrada na sede da institución provincial, na que compareceu acompañado da deputada responsable da área de Cultura, Caridad González Cerviño, e os membros do xurado Xosé Luis Axeitos, secretario da Real Academia Galega, e Francisco Javier Garbayo, vicerreitor da Universidade de Santiago.

Fernández Moreda destacou que o xurado decidiu por unanimidade outorgar o galardón a Casahamlet polo importante traballo de promoción cultural que, no ámbito do teatro, vén desenvolvendo a entidade dende a súa fundación en 1997. Subliñouse a diversidade de actividades que desenvolve Casahamlet, como a impartición de cursos de teatro para adultos, nenos e adolescentes; a edición da revista anual Teatro Casahamlet, un referente para coñecer a dramaturxia galega da última década; a organización de foros e conferencias sobre teatro, ou a representación de obras teatrais de grande, mediano e pequeno formato, cunha atención especial polo teatro infantil, o recital poético-musical ou o drama de autores galegos.

Casahamlet foi creada por Manuel Lourenzo e Santiago Fernández, dous referentes do ámbito escénico en Galicia e nos seus cursos formáronse preto de 1.500 alumnos, nestes catorce anos Casahamlet representou 25 obras teatrais e recitais poéticos a nivel profesional entre as que se atopan dende versións dos clásicos de Shakespeare ou Edgar Allan Poe, ata obras de autores galegos de varias xeracións como Álvaro Cunqueiro, Rafael Dieste, Rosalía de Castro, Xesús Pisón, Chus Pato ou o mesmo Ramón Otero Pedrayo, un dos autores de referencia nas aulas de Casahamlet, que en breve estreará a obra Fidalgo, con textos do autor ourensán, o primeiro e máis arriscado dramaturgo galego da época moderna.

Todas estas accións supoñen, segundo recoñeceu o xurado, unha importante contribución á cultura galega.