Print this page

Cartografías da palabra en acción, A Coruña acolle a IV Xornada da Sección de Literatura Dramática da AELG

Rate this item
(0 votes)

O espazo Normal da Coruña acolle o vindeiro sábado 23 de novembro a IV Xornada da Sección de Literatura Dramática, que este ano celébrase baixo o lema Cartografías da palabra en acción. Esta xornada está organizada pola AELG coa colaboración da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega, co patrocinio do Concello da Coruña, Deputación Provincial da Coruña e CEDRO, e a colaboración da Universidade da Coruña.

As xornadas da Sección de Literatura Dramática da AELG naceron con vocación de poñer en foco unha das manifestacións artísticas máis senlleiras e estratéxicas dun sistema literario e dunha cultura de seu.

A Literatura Dramática, na súa evolución estilística a través da historia, configúrase como un xénero multiforme onde a palabra artella partituras de accións destinadas aos palcos da imaxinación lectora e, de ser posible, ao xogo dos palcos teatrais. Máis que de filoloxía deberiamos falar de dramaloxía, no sentido de que os parámetros fundamentais de composición da literatura dramática especulan coa arte da acción (drama, etimoloxicamente significa acción). Falar da palabra en acción, e do movemento que esta pode implicar, leva o xénero da Literatura Dramática a mesturarse coa poesía, a deseñar pezas paisaxe, a poñerlle texto á danza ou ao circo e, por suposto, a representar historias con personaxes que fagan de espello dos aspectos máis candentes da actualidade.

Así pois, nesta IV Xornada de Literatura Dramática 2019, Cartografías da palabra en acción, preténdese mostrar a presenza da literatura dramática galega na actualidade, tanto no ámbito do ensino como a través doutras canles de comunicación como a edición ou a programación teatral. E, por outra banda, facilitar os procesos de creación en curso, no marco galego, en relación co portugués, colaborando no seu impulso.

A xornada principiará ás 10.00 h. cunha mesa redonda titulada A literatura dramática nas aulas. Presenta Olivia Pena e participan María Vilariño e Manuel F. Vieites. De seguido outra mesa redonda, desta volta presentada por Carlos Labraña e coa participación de Inma Doval e Manuel Xestoso, titulada A difusión da literatura dramática hoxe. Para rematar a xornada de mañá Fernando Matos Olivera ofrecerá unha aula maxistral.

Pola tarde, entre as 16.30 h. e as 20.30 h. celebrarase o Festival Pezas dun teatro do porvir.