Print this page

Carrusel e Feliz Idade, premios da Crítica

Rate this item
(0 votes)

A novela Carrusel (Galaxia) de Berta Dávila, e o poemario Feliz Idade (Kalandraka) de Olga Novo, son as obras gañadoras doPremio Nacional da Crítica Española nos apartados de narrativa e poesía galega, respectivamente.

Estes Premio da Crítica, de caracter anual, concédeos a Asociación Española de Críticos Literarios (AECL) ás mellores obras literarias, nas categorías de narrativa e poesía, publicadas no estado español en galego, éuscaro, castelán e catalán.

Carrusel, de Berta Dávila, que xa fora premiada co premio García Barros de Novela e o Fervenzas Literarias ao mellor premio de narrativa do 2019, é a historia dunha escritora que atravesa unha crise creativa decide elaborar un relato do seu percurso vital coa intención de encontrarlle sentido a un pasado difícil, marcado pola doenza mental que padece. Enfrontar as propias pantasmas nun libro lévaa a mergullarse no pouso íntimo das vivencias que o tempo deixou atrás e nas afinidades ignotas e inusitadas que elaboran as lembranzas da súa historia familiar e persoal. Só así será quen de afondar na súa condición de enferma, na súa relación co imprevisible tío Carlos, que sofre a mesma doenza, e tamén na súa experiencia coa maternidade e coa perda de seres queridos. É posible que iso a axude a dar significado ao pasado e a entender o futuro, mais ningún futuro está escrito e, moito menos, o de quen escribe para intentar salvarse.

Pola súa banda, Feliz Idade, de Olga Novo, xa acadara con anterioridade o Premio Gala do Libro 2020 á mellor obra de poesía e tamén o premio Fervenzas Literarias ao mellor libro de poesía do 2019. O eixe de Feliz Idade é o ciclo vital que abrangue o tempo dende o nacemento e a nenez da filla da autora ata o declive físico e o pasamento do pai desta, polo que se trata dun poemario cun fondo calado sentimental e emocional. Comeza cunha carta-limiar dirixida á nena sobre a importancia das raíces familiares e da terra de Vilarmao, na localidade lucense da Pobra do Brollón, onde habitaron os seus ancestros, polo que nestes versos tamén teñen moito protagonismo o mundo rural e o seu progresivo abandono.

O resto de gañadores foron:

- En éuscaro: Iturria de Unai Elorriaga en narrativa, e Itsas bizimina de Pello Otxoteko en poesía.

- En castelán: Nuestra parte de noche de Mariana Enríquez en narrativa, e Jardín Gulbenkian de Juan Antonio González Iglesias en poesía.

- En catalán: Sis nits d'agost de Jordi Lara en narrativa, e Ictiosaure de Dolors Miquel en poesía.