Print this page

Carme Varela, Esther F. Carrodeguas e Carlos Losada-Galiñáns gañan os premios teatrais Álvaro Cunqueiro e os Barriga Verde

Rate this item
(0 votes)
Carme Varela, Esther F. Carrodeguas e Carlos Losada-Galiñáns gañan os premios teatrais Álvaro Cunqueiro e os Barriga Verde Foto: Xunta

Carme Varela, Esther F. Carrodeguas e Carlos Losada-Galiñáns son as gañadoras do Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais e dos Barriga Verde de textos para teatro de monicreques nas súas modalidades para adultos e para rapaces, respectivamente. O premio Manuel María de literatura dramática infantil foi declarado deserto. Estes premios convócaos o goberno de Galicia de xeito bianual a través da da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

XXV Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais

A bañesa Carme Varela obtivo coa súa obra As desterradas o XXV Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais. Como explica a propia autora, As desterradas xorde da idea de escribir un texto teatral para unha das actividades da asociación do patrimonio medieval O Sorriso de Daniel, da que Carme Varela forma parte desde a súa fundación. A obra conta os últimos días do mosteiro de monxas bieitas de San Salvador de Albeos, no actual concello de Crecente, adentrándose no enfrontamento entre a Coroa de Castela e os mosteiros bieitos de Galicia desde o punto de vista das perdedoras desta batalla desigual. Trátase, pois, da historia de resistencia deste pequeno grupo de relixiosas, que constituía unha reserva de independencia feminina fronte aos grandes poderes do seu tempo, a Coroa e o Papado, e que finalmente foron desposuídas das súas terras e dos seus bens.

Para o xurado do premio, As desterradas é unha obra cun “traballo requintado de preocupación estilística, a súa boa estrutura e a interesante construción dos personaxes que, detrás dunha aparente sinxeleza, amosan unha profundidade psicolóxica que individualiza os conflitos, ao tempo que proporciona unha perspectiva coral dos acontecementos”.

Con esta obra, Carme Varela regresa ao mundo do teatro, ámbito co que mantivo estreitos vínculos desde finais dos oitenta, especialmente en tarefas de produción e distribución para compañías como Ollomoltranvía, Mofa e Befa ou Sapristi, a empresa de servizos técnicos RTA e o Centro Dramático Galego, onde exerceu como xefa de produción. Durante 12 anos foi, así mesmo, secretaria técnica da Fundación Castelao e desde 2007 desenvolve a súa traxectoria profesional nunha empresa de comunicación.

XIV Barriga Verde de textos para teatro de monicreques na súa modalidade para adultos

Na súa modalidade para público adulto, o XIV Barriga Verde de textos para teatro de monicreques recaeu en Esther F. Carrodeguas por República Sideral, unha “farsa esperpéntica” que tamén ten unha inspiración histórica. Neste caso, a autora parte dun episodio pouco coñecido da historia de Galicia, como foi a declaración da República Federal Independente da Illa de Arousa durante unhas horas entre o 7 e o 8 de outubro de 1934, e bota man do deostado teatro da cachaporra para propoñer unha reflexión sobre o absurdo da condición humana, a guerra, os enfrontamentos ideolóxicos e as mortes gratuítas.

O xurado salienta o humor deste texto e a boa caracterización dos personaxes, así como a “potencialidade escénica e a súa adecuación á modalidade do premio, cunha estrutura sólida, dinámicas moi áxiles -con concreción dos obxectos empregados nun deseño dos movementos moi limpos- e réplicas sinxelas mais mordaces, polo que resulta idóneo para propiciar un diálogo interxeracional sobre feitos históricos”.

Co Barriga Verde, a actriz, directora, performer e escritora Esther F. Carrodeguas (Rianxo, 1979) suma un novo galardón á súa traxectoria como dramaturga, tras ser recoñecida en 2015 co premio Abrente da Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia por Voaxa e Carmín. Foi precisamente este texto o que a levou a embarcarse xunto a Xavier Castiñeira na plataforma ButacaZero, coa que tamén puxo en escena as súas pezas Na butaca e #camiños, esta última en coprodución co Centro Dramático Galego. Ademais, a súa obra Fantasía nº 5 en sol ou non foi levada a escena en 2019 pola compañía pública como parte do espectáculo Neorretranca e posmorriña, baixo a dirección de Gena Baamonde. Outra das súas creación, Feminíssimas, acaba de ser estreada pola compañía De Ste Xeito Producións baixo a dirección de Xavier Castiñeira e a propia Esther sobre o escenario xunto a Noelia Blanco e Stephy Llaryora.

XIV Barriga Verde de textos para teatro de monicreques na súa modalidade infantil

Pola súa banda, o autor e director teatral Carlos Losada-Galiñáns (Cambados, 1966) volve conseguir un dos premios literarios da Agadic, tras ser o gañador en 2008 do Manuel María de literatura dramática infantil por Game Over. Desta volta, obtivo o Barriga Verde na modalidade para rapaces co texto Pois eu!, unha proposta metateatral, da que o ditame subliña a calidade da escrita dramática.

Segundo o xurado, a obra artella diferentes tramas que, con gran sentido rítmico, remiten desde o fantástico nos ecos da tradición artúrica, ata unha sutil sátira política. Ademais, inclúe o tema da identidade de xénero, fuxindo de didactismos e integrándoo no conflito de maneira transversal.

Carlos Losada-Galiñáns foi tamén gañador do premio Abrente da MIT de Ribadavia en 2008 con Augusta, ademais de ter publicadas as obras teatrais Fume, xunto a Rubén Ruibal, e Ironías, pola que foi finalista do VI Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico convocado pola Radio Galega e o Centro Dramático Galego.

 

Nesta ocasión, o xurado estivo presidido por Fefa Noia e del formaron parte como vogais Carmen Armesto, Carlos Biscaínho, Paula Carballeira, AveLina Pérez e Larraitz Urruzola. Para a emisión do seu ditame, valoraron os 107 textos presentados, dos que 50 optaban ao Álvaro Cunqueiro, 22 ao Manuel María e 35 ao Barriga Verde (20 na modalidade infantil e 15 na de adultos).